O Concello de Allariz será a única organización do Estado que participe no programa internacional  ReTraCE, unha rede de universidades, empresas e organizacións sen ánimo de lucro establecida para formar a investigadores e profesionais no eido  da Economía Circular.

A rede reúne a un equipo de expertos e líderes académicos a nivel mundial para lograr avances na comprensión de transición cara a unha Economía Circular (EC) con éxito no contexto europeo tanto dentro das organizacións e industrias existentes como a través de modelos de negocios innovadores e sostibles. O enfoque proposto é multidisciplinar e aspira a mellorar significativamente a comprensión actual sobre a aplicación da economía circular, dende un punto de vista económico, ambiental e social. Ademais, o programa de investigación pretende proporcionar información sobre o desenvolvemento e a implementación de políticas públicas.

O consorcio de 10 beneficiarios (7 grupos académicos e 3 non académicos do Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suecia, Italia, Grecia e Alemaña) deseñará e ofrecerá capacitación multidisciplinaria a 15 investigadores, ofrecendo un programa de intercambios internacional a través da ampla rede de organizacións asociadas, entre eles o Concello de Allariz, involucradas na proposta.

Mario Pansera, veciño de Allariz e coordinador do proxecto, explicou esta mañá todos os detalles do programa ReTraCE que “está deseñado especificamente para capacitar a novos líderes e académicos capaces de conducir a transición dun modo de produción e consumo máis sostible en Europa”.

A rede pretende, ademais, facilitar directamente a implementación da estratexia de Economía Circular da Comisión Europea, que está estreitamente vinculada aos Obxectivos de Desenvolvemento sostible (ODS). Prevese que os/as investigadores/as formados poidan ser empregados non so por institucións de investigación, senón tamén por organismos do sector público e dentro da ampla gama de empresas que requirirán novos perfís profesionais para realizar a transición cara a EC.

A alcaldesa, Cristina Cid agradecía esta proposta “que pretende sentar as bases a nivel formativo de todos/as os/as profesionais encargados/as de afondar nun proxecto importante para Allariz, conseguir poñer en marcha unha rede de economía circular que faga que o mundo sexa máis sostible e no que Allariz leva tempo traballando coa posta en marcha de proxectos como o de compostaxe comunitaria, entre outros.”

A rexedora recoñecía que “esta é unha posibilidade de participar noutro proxecto ambicioso e que nos permite estar satisfeitos” e destaca que “dende o rural tamén se pode traballar para o mundo e tomar decisións que poden cambiar o planeta”.

Allariz acollerá, no vindeiro ano, a varios doutorandos que participarán en xornadas formativas para coñecer os proxectos sostibles que se levan a cabo na localidade.