Allariz recibe durante a tempada de verán un total de 30708 visitantes que supón un aumento do 19,69% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Entre os meses de abril e outubro, Allariz recibe preto dun 20% de visitantes máis que no mesmo período do ano 2019, pasando de 25655 a 30708 neste verán. O incremento mostra unha continuada tendencia a alza tanto no número de persoas que se achegan ata a oficina de información turística como no número de pernoctacións na localidade, repuntando no mes de agosto cun 37,88% máis que o ano pasado.

Patrimonio, natureza, a rede comercial e hostaleira así como o calendario de eventos que se leva a cabo en Allariz durante todo o ano son, entre outros, os atractivos turísticos por excelencia que fan de Allariz un destino turístico consolidado e referente en Galicia.  Segundo explican os técnicos da instalación municipal “os/as visitantes achéganse ata Allariz atraídos polo Festival Internacional de Xardíns, o casco histórico as tendas outlets ou os museos, ademais da programación cultural e lúdica de verán”.

Dende o Concello de Allariz valoran moi positivamente este crecemento  que, segundo afirma María López, concelleira de turismo, “amosa que Allariz segue tendo potencial para ser un destino atractivo en calquera época do ano”.

A meirande parte dos/das visitantes proceden da comunidade galega, principalmente de A Coruña e Pontevedra.  Dende as outras comunidades achegáronse máis de 16792 persoas, sobre todo de Madrid, Castela e León e País Vasco.  É destacable a procedencia de visitantes dende países europeos como Portugal e Francia e tamén máis dos 500 visitantes procedentes de América, Ásia e África.