Hoxe presentouse en Allariz o protocolo local para a prevención e atención das diferentes violencias sexistas en espazos festivos.

Cristina Cid, alcaldesa de Allariz,Maribel Poisa concelleira de Igualdade, Cristina Outeiriño, técnica de Igualdade e Juan Seara Ferro en representación da Asociación Xan de Arzúa, parte organizadora da Festa do Boi, xuntáronse nesta mañá para presentar este protocolo. “Allariz Pobo seguro” ,que pretende garantir a eficiencia na resposta e o rexeitamento a esta problemática social de carácter estrutural, que mantén as desigualdades e a discriminación contra as mulleres.

Cristina Cid destacaba que o Concello de Allariz mantén unha postura activa fronte ás distintas violencias que se exercen contra as mulleres e traballa para conseguir a súa prevención e erradicación. Este compromiso debe ser extensible a toda a cidadanía.

Nado na área de Igualdade e Benestar Social do Concello de Allariz en coordinación cos corpos e forzas de seguridade do municipio, Subdelegación do Goberno, EMUME, a Área de Turismo do Concello de Allariz e a Asociación Cultural Xan de Arzúa.

O protocolo “Allariz Pobo seguro”, pretende achegar de forma áxil e sinxela os pasos a seguir ante posibles casos de agresión sexual, violencia de xénero ou submisión química á cidadanía.

Os seus obxectivos principais son conseguir un espazo libre de sexismos e calquera tipo de violencia. A Festa do Boi 2023 será a primeira festa na que se implantará este protocolo.

Os primeiros axentes sociais que colaborarán serán os locais de hostalería de Allariz, nos que a cidadanía atopará indicacións concretas de como proceder antes as diferentes situacións de violencia sexista.

Así mesmo o Concello instalará unha lona informativa no Campo da Barreira con toda a información para que a veciñanza e as persoas que se acheguen a Allariz teña a disposición toda a información.

Por outra banda esta información está a disposición para calquera consulta na páxina web allariz.gal/allarizpoboseguro/.