O plan, en fase de elaboración, será presentado na convocatoria extraordinaria do programa Plans de Sostibilidade Turística en Destinos 2023, financiados na sua totalidade con fondos Next Generation procedentes da Unión Europea e integrados no Plan de Recuperación Transformación e Resilencia deseñado dende o Goberno Central.

Neste contexto realizáronse unha serie de consultas e reunións con axentes turísticos de Allariz para recoller suxestións e concretar as liñas de accións. As propostas teñen que encaixar nos diferentes eixos nos que se estrutura a convocatoria como é a transición verde e sostible, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, resaltaba durante unha das reunións a importancia que para Allariz sempre tivo os diferentes axentes socias, para acadar ese obxectivo común de todos e todas, e neste caso non ía ser distinto”.

A rexeneración ambiental da contorna do río Arnoia, a renovación de instalacións en equipamentos turísticos locais buscando a eficiencia enerxética ou a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos son algunhas das propostas contempladas para este plan para Allariz.

O eixo dixitalización conta con varias medidas que van dende un plan de marketing, colocación de sinalización intelixente ou asesorías personalizadas con liñas de axudas para a modernización dos sectores locais de aloxamento, restauración, comercio e artesanía.

No apartado de competividade, os obxectivos nos que se está a traballar son consolidar o posicionamento de Allariz como referente turístico do interior de Galicia así como a mellora da oferta local nun mercado cada vez máis orientado cara a calidade, a sostibilidade e a dixitalización.