O próximo 17 de agosto, a localidade de Allariz será o escenario da edición XXXII do Tríatlon Vila de Allariz. Este evento deportivo, organizado polo Concello de Allariz e Federación Galega de Tríatlon prométenos unha emocionante xornada de deporte en Allariz.
Na mañá de hoxe presentouse a XXXII edición do Tríatlon Vila de Allariz. A esta presentación asistiron Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, Carlos Puga, concelleiro de Deportes de Allariz, Roberto Naranjo e Javier López, coordinadores deportivos do Concello de Allariz.
O tríatlon comezará ás 18:00 horas, do sábado 17 de agosto, ofrecendo ás persoas participantes e espectadoras un espectáculo inesquecible nun entorno natural incomparable como é Allariz.
As inscricións están abertas desde hoxe 1 ata o 12 de agosto, cun custo de 20 euros por persoa participante. As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web da Federación Galega de Tríatlon en www.fegatri.org. Haberá 125 prazas para deportistas federados e poderán formalizar a inscrición no enlace.
Reservaranse 25 prazas para deportistas locais, os cales deberán chamar a Piscina Municipal de Allariz para inscribirse, 988 442 083.
O Tríatlon Vila de Allariz é coñecido polo seu esixente percorrido que combina natación, ciclismo e carreira a pé. Os atletas deberán amosar a súa resistencia e habilidades en cada unha das disciplinas para acadar a meta. O evento atrae tanto a triatletas experimentados/as como a novatos/as que buscan superar os seus límites nun ambiente de competición amigable.
O Concello de Allariz, xunto con outros patrocinadores e colaboradores, traballou arduamente para asegurar que este evento se desenvolva sen contratempos e ofreza unha experiencia única tanto aos participantes como aos espectadores.
Ven e forma parte desta celebración do deporte e da superación persoal. O XXXII Tríatlon Vila de Allariz non só é unha proba de resistencia física, senón tamén unha oportunidade para gozar da beleza natural de Allariz.