O Concello de Allariz presentou na mañá de hoxe, 25 de novembro,  a nova plataforma web para a Convivencia,  www.allariz.gal/igualdade/ .

Esta plataforma xorde a partir da situación que estamos a vivir xerada pola Covid-19 e a necesidade de seguir traballando pola igualdade e a prevención das violencias.

Segundo explicaba a concelleira de benestar social Maribel Poisa “esta nova ferramenta será un espazo para a consulta, para informarse, para dar difusión e formación e unha canle de asesoramento para toda a veciñanza”. Nela atoparase contidos que nos axuden a vivir, expresarnos, relacionarnos e conducir a nosa vida dende unha actitude máis compresiva e máis convivinte.

É un espazo web para aportar coñecemento á poboación alaricana para fomentar o bo vivir, o bo convivir. É a aposta firme deste Concello con estes temas, entendendo que as circunstancias nos obrigan outros formatos e outros contextos.

A Plataforma pola Convivencia do Concello de Allariz é un recurso a maiores, un compromiso real para que vivir sexa algo máis gustoso, e para que de verdade cultivemos a nosa “bendita” rareza como parte do atractivo e colorido que é e simboliza a diversidade.

“Os sexos, como ourizos aterecidos que se buscan, non acaban de atopar a forma de non facérense dano cando se relacionan, máis aló das súas espiñas aguzadas”, Dr. Verdes Montenegro, filósofo. Como explicaba durante a presentación Ana Cardoso, técnica de igualdade “esta frase resume moi ben o obxectivo desta nova ferramenta”.

As partes desta plataforma están distribuídas da seguinte maneira:

  1. C de Convivencia

Contidos para a convivencia

Espazo onde atopar contidos relacionados coa convivencia, para toda a poboación alaricana. Actualizaranse quincenalmente e terán diferentes perfís; familias, mocidade, parella etc.

  1. C de Comunidade

Obradoiros en liña e podcast

Espazo para a formación en liña en temáticas relacionadas coa convivencia e con diferentes perfís; profesionais do socioeducativo, familias, persoal municipal etc.

Haberá, a maiores, podcast relacionados cos contidos  para traballar e cultivar a convivencia.

  1. C de Comprensión

Libros, libretos e folletos

Espazo dedicado  ás referencias bibliográficas sobre temáticas da e para a convivencia, en diferentes formatos e para diferentes perfís.

  1. C de Cultivo

Asesoramento sexolóxico para mocidade

Espazo para a poboación máis nova, onde poder realizar consultas relacionadas coa sexualidade, nun formato que garante a confidencialidade e o anonimato. A profesional que atenderá  este espazo é Almudena Herranz Roldán.- Sexóloga do Equipo do Instituto Sexolóxico  INCISEX.

Este último apartado é unha canle anónima e confidencial que a mocidade poderá utilizar para consultar todas esas cuestións. Como ben dixo Iago Santás, concelleiro de mocidade está ferramenta nova será unha transferencia de saberes. A mocidade é o motor futuro desta vila, e teñen que ser parte deste proxecto pola convicencia e a non violencia.