O Concello de Allariz lanza a primeira edición do Concurso de Escaparates ‘Allariz, Escaparate do Nadal’, unha iniciativa creada para complementar a decoración de nadal municipal —consolidada desde hai anos— e para animar ao comercio local a participar activamente na creación da atmosfera festiva de Allariz.

O Concello destaca que moitos establecementos xa decoran de forma excepcional os seus escaparates cada Nadal, polo que este concurso busca poñer en valor ese traballo previo e incentivar a creatividade e a participación de todos os negocios. Co concurso ‘Allariz, Escaparate do Nadal’ preténdese destacar o talento e o compromiso do comercio local, enchendo as rúas de creatividade e espírito festivo. Esta iniciativa compleméntase coas decoracións de Nadal impulsadas polo Concello, que contribúen a crear unha atmosfera única e a reforzar a identidade de Allariz nestas datas.

Ademais, a programación inclúe o sorteo do Peto dos Desexos, que repartirá 1.000 € en premios entre todas as persoas que merquen durante a campaña de Nadal, para volver investir no comercio de proximidade. Con esta acción búscase fortalecer o consumo local e apoiar directamente aos establecementos da contorna. En conxunto, todas estas iniciativas pretenden dinamizar, recoñecer e apoiar o comercio local, unha peza fundamental para que Allariz siga sendo un lugar vivo, activo e acolledor.

Participación aberta e inscrición gratuíta

Poderán participar todos os comercios, establecementos hostaleiros e negocios con escaparate situados no termo municipal de Allariz. A inscrición é gratuíta e debe realizarse enviando un correo a comercio@allariz.gal indicando:

  • Nome do establecemento
  • Persoa de contacto
  • Enderezo
  • Teléfono

O prazo de inscrición remata o 4 de decembro de 2025.

Criterios de valoración

O xurado valorará a creatividade, a orixinalidade, o uso de materiais naturais ou sostibles, a harmonía da proposta, o espírito do Nadal e a capacidade de atraer ao público.

Escaparates visibles durante a campaña

Os escaparates deberán estar decorados e iluminados desde o 5 de decembro de 2025 ata o 6 de xaneiro de 2026, garantindo unha boa visibilidade durante todo o período.

Premio único e mencións especiais

O xurado —composto por representantes municipais e persoas vinculadas á cultura, ao deseño ou ao comercio— concederá un Premio Único e poderá outorgar mencións especiais.

Publicación dos resultados

O fallo farase público na web e nas redes sociais do Concello de Allariz, ademais de comunicarse directamente aos establecementos participantes.

As bases completas poderás atopalas en allariz.gal/nadal/