Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da Festa da Empanada de Allariz, que se celebrará durante a fin de semana do 22 ao 24 de agosto, nun acto no que participaron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde. Ambos destacaron a importancia desta celebración como “referente gastronómico e cultural da vila”, así como o seu papel dinamizador para a economía e o turismo local.

A programación da edición 2025 inclúe actividades para todos os públicos, combinando tradición e modernidade. O prato forte será a Xornada Gastronómica do sábado 23 ás 21:00h, cunha degustación da coñecida empanada de Allariz nos Xardíns do Museo do Coiro,.Ademais, durante toda a fin de semana haberá venda de empanadas en panaderías, pastelerías e locais de hostalería da vila.

O programa arrincará o venres 22 ás 20:30h cunha proposta teatral na Praza do Matadoiro: “Entre fíos ando ao lío” da compañía Punto en Boca, e continuará cun concerto nocturno de Budiño – Branca Vela 2025 ás 22.30 h nos Xardíns do Museo do Coiro.

O sábado celebrarase tamén o XXXIII Tríatlon Vila de Allariz, ás 18:00h na Alameda, seguido ás 21 h da xornada gastronómica de degustación de empanadas e do concerto da Orquestra Neverloura , e dunha sesión de Discomóbil con DJ xa entrada a madrugada.

O domingo 24 chega cunha intensa xornada de actividades que inclúe:

  • Pasarrúas e concerto da Banda Cultural Instructiva Unión Musical Genovesa de Valencia

  • XXXV Regata Provincial de Piragüismo

  • Desfile de Xigantes e Cabezudos coa participación do grupo de gaitas De Pé Feito

  • Presentación do C.D. Allariz e partido contra o C.D. Seixalvo

  • Concerto do grupo Os d’Abaixo no campo de Vilanova.

  • Baile popular coa orquestra La Oca Band

Desde as 11:30h, o Campo de Vilanova acollerá a tradicional Festa Campestre, con churrasco e polbo durante todo o día, nun ambiente familiar e festivo. A entrada será de balde.

A alcaldesa Cristina Cid convidou “a toda a veciñanza e visitantes a gozar dunha fin de semana chea de sabor, cultura e tradición”, mentres que Alberto Conde destacou “a aposta do Concello por manter vivas as nosas festas máis emblemáticas, combinando calidade e participación”.