Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Allariz organiza unha serie de actividades para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de erradicar a violencia de xénero en todas as súas formas. Baixo o lema “Non nos queda paciencia para tolerar esta violencia”, realizaranse charlas, unha obra de teatro e un acto institucional que buscan fomentar unha sociedade máis xusta e libre de violencia contra as mulleres.
As xornadas contra a violencia de xénero que se celebrarán no Concello de Allariz terán lugar entre o 18 e o 25 de novembro.
A programación comeza o luns 18 de novembro cunha charla no IES Allariz ás 12:30, concedida pola Secretaría de Igualdade. Nesta sesión, María Angélica Mercado, especialista en xénero e políticas de igualdade, abordará cos estudantes de 4º da ESO os aspectos máis salientables das agresións e a violencia sexual, co obxectivo de informar e empoderar a mocidade na prevención deste tipo de violencia.
O venres 22 de novembro ás 19:30, no Fogar dos Maiores, terá lugar a charla “A violencia de xénero a través das redes sociais”, impartida por Patricia Alonso Ruido, profesora do grupo ESCULCA e investigadora principal en proxectos centrados nas ciberviolencias. Esta charla, aberta a todos os públicos, abordará as múltiples formas de violencia contra as mulleres no mundo dixital, un problema crecente na sociedade actual.
O domingo 24 de novembro ás 18:00, na Casa da Cultura, será a quenda da obra de teatro “Bravas”, interpretada por Isabel Risco. Esta representación ofrece unha particular visión da historia das mulleres galegas, unha historia roubada, escondida e sen visibilidade. A través dunha viaxe no tempo, a obra fai parada en diversas “estacións” protagonizadas por mulleres do pasado, presente e futuro, mostrando a súa resiliencia e fortaleza.
Finalmente, o luns 25 de novembro, día no que se conmemora oficialmente o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, levarase a cabo lectura do manifesto contra a violencia de xénero na Praza Maior ás 12:00, onde se lerá un manifesto en contra da violencia de xénero, coa participación de diferentes sectores de Allariz. Este acto reafirmará o compromiso local nesta loita.
Na presentación das actividades programadas para este ano asistiron a concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez, e a técnica de igualdade, Cristina Outeiriño, quen destacaron a importancia de reforzar os esforzos contra a violencia de xénero e a necesidade de sensibilizar á poboación, especialmente ás novas xeracións, sobre a gravidade desta problemática.
Estas actividades, organizadas polo Concello de Allariz en colaboración coas Silvardeiras e o IES Allariz, contan co apoio da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Con esta programación, o Concello de Allariz busca concienciar á comunidade sobre a urxencia de erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres, creando un espazo de reflexión e acción en favor dunha sociedade máis equitativa e respectuosa.