Allariz leva anos traballando na conservación do patrimonio. Conta deste traballo dano o coidado das súas rúas e edificios así como da conservación do patrimonio.

Hoxe pola mañá visitamos A Enfestela. Neste núcleo de Allariz recuperouse o antigo forno veciñal grazas a intervención realizada polo Concello de Allariz.

Cunha inversión con fondos municipais as actuacións acometidas nesta edificación tradicional permitiron a recuperación e conservación deste elemento etnográfico para que a veciñanza non esqueza a cultura tradicional e o podan utilizar.

As fornadas eran parte da vida social e tradicional dos núcleos rurais. Como ben explicaba a Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e importante recuperar o patrimonio, e que os veciños e veciñas o poidan volver a utilizar e activar esa vida comunitaria que xira entorno a estas actividades, como xa acontece en varias parroquias de Allariz.

Así mesmo Celestino Feijoo, aparellador municipal, explicaba que este forno atopábase en moi malas condicións. Os traballos acometidos nesta edificación consistiron no levantamento dos muros de pedra e o tellado. Para isto utilizáronse as propias pedras que caeran do muros orixinais levantando os tres muros e en botar o tellado, utilizándose para as vigas do mesmo castaño. Para todas as rehabilitacións intentase conservar a tipoloxía da estrutura, segundo explicaba o responsable de urbanismo municipal.

O Concello de Allariz acometeu nos últimos dous anos a restauración de 3 fornos situados na Portela de Magarelos, no Mato e agora este da Enfestela. Para este exercicio estase a programar a rehabilitación de fontes e lavadoiros, valorando as necesidades de cada espazo, uníndose a toda a rehabilitación que se ten feito durante este tempo.

Todas estas actuacións de recuperación do patrimonio etnográfico veranse complementadas cos asfaltados que habitualmente se fan na primavera. Ademais para este ano están previstas as ampliacións de dous locais sociais, o de Meire e o do Mato, conformando así a rede de infraestruturas e equipamentos nas parroquias de Allariz.