O Concello de Allariz levou a cabo o proxecto de restauración ambiental e posta en valor do Manancial de Santán, un espazo de grande importancia histórica e patrimonial para a vila. Os traballos, financiados no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), permitiron recuperar este enclave singular, mellorando o seu acceso e restaurando os elementos naturais do entorno.
O Manancial de Santán, situado na contorna do río Arnoia, é coñecido polas súas augas mineromedicinais e polo seu uso tradicional como lavadoiro comunitario. Durante séculos, a veciñanza de Allariz aproveitou esta auga para lavar a roupa, especialmente nos meses de inverno, mentres que no verán se empregaba para o regadío das leiras próximas. Este espazo foi tamén un punto de encontro social de grande relevancia na vida comunitaria.
O proxecto de recuperación incluíu a limpeza integral da zona, a restauración dos muros de cachotería e das canles de auga, así como a mellora do acceso ao manancial. Para facilitar o tránsito, habilitouse unha rampla natural desde a rúa actual e un camiño estreito desde a estrada de Santa Mariña. Ademais, co obxectivo de conservar a identidade tradicional do lugar, mantivéronse as pedras irregulares que conforman o lavadoiro.
A posta en valor do Manancial de Santán reforza a aposta de Allariz pola conservación do seu patrimonio natural e cultural, ao tempo que promove un turismo sostible e respectuoso coa historia e a identidade local.
O Concello de Allariz convida á veciñanza e ás persoas visitantes a coñecer e desfrutar deste espazo restaurado, contribuíndo á preservación dun legado histórico que forma parte da memoria colectiva da vila.
Esta actuación forma parte do PSTD Allariz Destino Sostible que está financiado con recursos provintes do PRTR, Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, no desenvolvemento das actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos definidos no Compoñente: C14. Plan de modernización y competitividad del sector turístico Inversión 1, de dicho PRTR.