Allariz únese un ano máis á celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, que terá lugar o sábado 28 de xuño, reafirmando así o seu compromiso coa defensa da diversidade, a inclusión e os dereitos das persoas LGTBIQ+.
Desde a Área de Igualdade do Concello de Allariz, convídase a todos os establecementos de hostalaría e comercio do municipio a participar activamente nesta iniciativa decorando os seus espazos —fachadas, terrazas ou interiores— con elementos que representen o movemento LGTBIQ+, como bandeiras, carteis, globos ou calquera outro adorno colorido que celebre o Orgullo.
🗓 A campaña de visibilización desenvolverase ata o 6 de xullo de 2025, sendo o sábado 28 de xuño o día central da celebración.
O obxectivo é crear entre todas e todos unha contorna acolledora, diversa e comprometida coa igualdade, facendo visible o apoio do sector da hostalaría e do comercio local á defensa dos dereitos fundamentais das persoas LGTBIQ+. Ademais, preténdese xerar un ambiente festivo, seguro e inclusivo, no que todas as persoas se sintan libres de ser quen son.
O Concello agradece de antemán a colaboración dos negocios locais e da veciñanza, e anima a toda a comunidade a sumarse a esta celebración colectiva, contribuíndo a construír unha vila máis xusta, aberta e respectuosa coa diversidade.