A área de deportes presentaba esta mañá unha nova edición da Andaina de Allariz que cumpre 21 anos e baixo a premisa “renovarse ou morrer” presenta novidades importantes.

A primeira delas ten que ver coa data de celebración. A XXI Andaina terá lugar o domingo 17 de xuño entre as 9:00h e as 14:00h para que así “todos os participantes podan celebrar a fin do percorrido de xeito conxunto no Paseo da Alameda” puntualizaba a concelleira de deportes Helena Suárez.

O percorrido é, unha vez máis o protagonista desta andaina pioneira en Galicia. “Rómpese co esquema dos 50 km en 12 horas” e preséntase un novo circuíto que percorrerá novos sendeiros da Reserva da Biosfera ao seu paso por Allariz,  “camiños que nunca antes se percorreran na Andaina” explicaba o técnico Javier López.

O circuíto incluirá dous percorridos, un deles de 12km accesible para todos os públicos e un máis longo, de 25km, con máis dificultade.  Estes cambios permitirán, ademais, que, baixo autorización dunha persoa adulta, podan participar nenos e nenas.

A andaina ten ademais un carácter social importante e este ano colaboran coa Asociación fenilcetonurica de Galicia que disporá dun stand no Paseo da Alameda para informar sobre esta enfermidade rara da que están aqueixados varias persoas en Allariz.

O prazo de inscrición estará aberto entre o 4 e o 15 de xuño e toda a información precisa estará dispoñible en www.allariz.gal/andaina