O vindeiro venres, 29 de novembro, inaugurarase unha nova exposición da colección de arte ANDATE nos concellos de Allariz e Xunqueira de Ambía que xirará en torno a Moda e a Música, promovida pola Fundación Andante e que contará co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo.

Unha bota usada polo tenista Rafa Nadal, recente gañador da Copa Davis, formará parte da exposición xunto coa obra do artista galego Hector Francesch, ambas con referencias a marca deportiva Nike.

Andante é unha colección de arte contemporánea, creada a partir dunha forma de zapato como elemento integrador e que conta con preto de mil obras realizadas por artistas multidisciplinares de 25 países, dos que máis de 300 son galegos.

A exposición, que contará con máis dun centenar de obras, estará situada no Museo da Moda e en 24 tendas de Allariz e no Albergue Público de Xunqueira de Ambia e completarase con 32 lenzos expositivos que se colocarán nos cascos históricos de ambos municipios.

Poderanse ver formas intervidas por deseñadores galegos xa consagrados como Roberto Verino, Etiem José Matteos ou Gonzalo Vázquez e outras de deseñadores máis novas como a alaricana Teresa Quintana, a asturiana Paniculata ou a madrileña Tamara Espress; xunto con intervencións de personaxes coñecidos como o gran Moncho Borrajo ou as irmás Hurtado, que son só a punta do iceberg do que o/a visitante pode atopar nesta exposición única.

O acto de apertura contará coa participación dos músicos Canco López e Elsa Ferrer que farán as delicias dos asistentes interpretando unhas obras para órgano e violín na colexiada Xunqueira de Ambia. É unha exposición atípica, culta e ocorrente; destinada a entreter aos/ás peregrinos/as e visitantes destes dous fermosos concellos ourensanos polos que pasa a Ruta da Prata.