A EGA Escola Galega de Apicultura de Allariz, ofrece unha xornada de formación o día 11 de maio, dirixida a promover  as explotacións mixtas de apicultura e fruticultura. O obxectivo principal desta formación é transmitir a importancia da diversificación na apicultura e o potencial apícola e frutícola dos montes galegos, en gran parte sen aproveitar.

A Escola Galega de Apicultura, integrada pola Asociación Galeg de Apicultura, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro, organiza para o día 11 de maio unha xornada sobre apicultura e fruticultura, que vai dirixida principalmente a promover as explotacións mixtas entre estas dúas actividades moi ligadas entre sí. «Por un lado hai froitas que dependen directamente da polinización das abellas, mesmo mellorando a calidade e cantidade da froita producida. Por outro, a apicultura tamén se beneficia especialmente de determinadas flores que aportan alimento para as abellas e ofrecen a posibilidade de mellorar a colleita do mel ou diversificar a produción da colmea, como por exemplo co pole», explican dende a asociación apícola.

Na xornada participarán expertos técnicos na produción de castañas e mazás, froitas con boa demanda no mercado e cunha floración moi interesante para a actividade apícola. Explicaranse cales son as características destas producións e as posibilidades na súa comercialización e varios apicultores contarán a súa experiencia na produción de froita e como afecta esta no rendemento das súas explotacións. Unha das principais ideas será transmitir aos participantes a importancia da diversificación na apicultura e o potencial apícola e frutícola dos montes galegos, en gran parte sen aproveitar. Farase tamén referencia á variedade e riqueza das especies froiteiras autóctonas de Galicia, que interesa revalorizar e recuperar. A formación completarase cun día de campo, no verán, con visitas a explotacións frutícolas e apícolas.

XORNADA APICULTURA FRUTICULTURA EGA 2019