Desde esta semana e ata finais de xullo, un equipo dirixido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) do campus de Ourense desenvolve unha nova intervención arqueolóxica na ‘Cibdá’ romana ou Castro de Armea para continuar afondando no coñecemento deste enclave en Allariz. Máis dunha vintena de persoas, entre persoal investigador e de apoio e alumnado, participa nesta campaña ao longo do mes de xullo.

“A campaña de escavación de 2019 en Armea inaugura un novo período de intervencións que continuarán ata o ano 2022 grazas ao novo convenio específico asinado en maio deste ano entre o Concello de Allariz e a Universidade de Vigo”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Geaat. Logo de oito campañas consecutivas de traballo neste enclave, subliña o arqueólogo, “o proxecto de Armea sitúase como o máis lonxevo da arqueoloxía académica galega”.

O proxecto está dirixido por Adolfo Fernández e nel participan ademais outros dous profesores da Facultade de Historia do campus de Ourense, como son Fermín Pérez e Susana Reboreda. A ‘Cibdá’ ou Castro de Armea, lembran desde o Geaat, é un xacemento único de orixe romana situado no Concello de Allariz, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. Trataríase “dunha auténtica cidade romana”, rica e de prestixio segundo os restos atopados ata o momento, que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia.

Obxectivos desta campaña

Os traballos que se levarán a cabo, financiados polo Concello de Allariz, permitirán dar continuidade á campaña desenvolvida en 2018. “O obxectivo deste ano é intervir na chamada finca da atalaia, completando a súa total escavación, e exhumar novas vivendas romanas alí localizadas e datadas entre os inicios do século I e o século III despois de Cristo”, comenta Adolfo Fernández. Ademais, indica o investigador, este ano vaise facer unha sondaxe na zona das coñecida como muradellas, un lugar onde se localiza un grande amoreamento de pedras que podería coincidir coa muralla da cidade romana”. Faranse tamén, engade, intervencións concretas encamiñadas a mellorar os accesos ás ruínas e facilitar a súa musealización.

A intervención de campo está dirixida pola investigadora do Geaat Patricia Valle. Na campaña deste verán participan arredor de 20 alumnos e alumnas, algúns deles da Facultade de Historia do Campus de Ourense e outros chegados doutras universidades galegas, estatais e estranxeiras. Desde a organización destacan a participación este ano, por primeira vez, dunha estudante de Estados Unidos, en concreto da Universidade de Long Beach (California). “Moitos destes estudantes pasan estes días en Allariz grazas ao apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, que achega unha cantidade económica para facilitar o acceso do alumnado a este tipo de prácticas, únicas en Galicia”, comentan desde o Geaat. Na intervención o equipo tamén conta como cada ano co apoio de técnicos e medios do Concello de Allariz. Ademais da intervención e a formación, outro aspecto que se atenderá durante a campaña será o da divulgación, desenvolvéndose como en edicións anteriores visitas guiadas e outras iniciativas para dar a coñecer os traballos que se realizan no xacemento.

De xeito paralelo á intervención, comentan as e os seus responsables, tamén se van a levar a cabo tarefas de conservación e restauro do xacemento, dirixidas por Marta Lago, “xa que a finais de ano executarase un completo proxecto de sinalización e adecuación” cunha subvención da Consellaría de Turismo da Xunta de Galicia solicitada polo Concello de Allariz.