Ao redor dunha vintena de artesáns tanto locais coma do resto da comunidade estarán dando mostra do seu traballo o domingo 12 de setembro en Allariz.

Este ano 2021, Arte de Man estreará nova localización dentro do casco histórico de Allariz . Durante a xornada dominical, a rúa Santo Estevo acollerá esta edición do Mercado de Artesanía. O cambio de localización ven dado pola situación actual da pandemia, aínda que manterá a súa esencia de celebrarse nas rúas de Allariz, cambiando de emprazamento cara a zona da Igrexa de Santo Estevo. A cita, reunirá a artesás galegos/as en horario ininterrompido de 11:00h a 20:00h.

Arte de Man ofertará exposición e venda de distintas disciplinas artesás, tradicionais e innovadoras, como son a cerámica, pintura, debuxo e gravado, escultura, xoiería e bixutería, téxtil, coiro e madeira, entre outros. Este ano como novidade teremos demostración das Redeiras da Atalaia da Guarda que nos ensinarán como a partir das redes de pesca se pode crear artesanía. Ademais durante a xornada de mercado contaremos con música en directo que fará que achegarse a Allariz sexa un bo plan de domingo.

Durante a presentación,  María López concelleira de Promoción Económica, resaltaba que “a artesanía forma parte da nosa identidade e do noso patrimonio cultural e tamén artístico. Arte de Man é sempre unha oportunidade para por en valor e dar a coñecer aos nosos artesáns e diferenciarnos cun produto creado seguindo as pautas tradicionais pero innovando no deseño”.