Nace o 1º Festival Literario de Allariz con Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero como figuras convidadas os días 1 e 2 de xullo
Allariz reúne na primeira fin de semana de xullo algúns dos nomes máis estimulantes da literatura galega e española dos últimos anos. O 1º Festival Literario de Allariz (FLAZ) celébrase durante os días 1 e 2 de xullo con encontros nos que participan Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero. Por que, como e para que escribir hoxe en día serán cuestións centrais, que compartirán estas seis figuras da literatura actual. Dous días para dialogar, entre eles e co seu público lector, nun novo festival promovido pola libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz, onde se presentou o FLAZ na mañá do mércores 15. A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López Rodríguez, sinalou que o obxectivo é “consolidar o festival, que se suma á programación cultural diferenciada con eventos como o Poemagosto ou Allariz Ilustrado”.
“Allariz ten unha identidade literaria alén do patrimonio histórico: do Padre Feijoo a Marcial Suárez, ese perfil inspirounos á hora de promover o FLAZ. A programación nútrese dunha selección de autores contemporáneos, tres de Galicia e tres de fóra. Galego, castelán e éuscaro son os idiomas das súas obras”, explica César Lorenzo, responsable de contidos culturais da libraría Aira das Letras. Seis nomes que reúnen a atención da crítica nos últimos anos e, sen dúbida, boa parte dos galardóns literarios máis coñecidos. Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero pertencen a diferentes xeracións e abordan a súa relación coa escrita desde xéneros e ángulos diversos: poesía, narrativa, ensaio, xornalismo, tradución, etc. En Allariz tratarán a vivencia das súas diferentes traxectorias literarias e, de seguro, cales son puntos de encontro entre elas.
Cun formato de conversas a dúo e un encontro final co conxunto das figuras literarias convidadas, o FLAZ ten un obxectivo claro: reivindicar o amor á literatura e aos libros. O desexo dos seus promotores: ofrecer ao público unha programación de interese cultural que, dende o ámbito local, esperte o interese da comunidade lectora e redunde no traballo global do sector do libro. Dous días nos que o Casa da Cultura acollerá a programación central que se complementará con outras actividades a desenvolver en diferentes espazos da vila. Unha delas, os xantares literarios abertos á comunidade lectora, para os que haberá que inscribirse previamente e que terán lugar nos restaurantes colaboradores Alarico e Fío de Liño.
Emma Pedreira e Juan Tallón encargaranse de abrir o FLAZ cunha primeira conversa titulada “Por amor á arte” o venres 1 de xullo ás 12:00; na sesión da tarde, dúas escritoras vascas, Katixa Agirre e Edurne Portela, dialogan baixo un enunciado interpelador: “O pasado é un país estranxeiro. Tamén en Euskadi? (18.30). O sábado quen sentan xuntos son o último Premio Nacional da Crítica en lingua galega 2022, Diego Ameixeiras, e o narrador madrileño tamén varias veces premiado José Ovejero, para falar sobre “O suspense na literatura actual” (12:00). O convivio literario do FLAZ reúne na súa sesión final a todas as figuras convocadas para que respondan á pregunta: “Para que serve hoxe a literatura?” (18.30), mesa redonda que pecha esta primeira edición do festival.
Compromiso coa literatura e coa contorna
A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López Rodríguez, participou na presentación do FLAZ , aplaudindo a posta en marcha dun proxecto deseñado con rigor e calidade, tan acaído na estratexia de singularizar Allariz, ademais de polo seu patrimonio natural, polo seu rico patrimonio cultural. O ilustrador Miguel Robledo (Ourense, 1971) é o autor do cartaz do FLAZ.
O Festival Literario de Allariz (FLAZ) é unha iniciativa da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz. Desde Aira das Letras considérase o proxecto como unha extensión natural do labor das librarías e do seu compromiso con autores, coa comunidade lectora e coa contorna local. Máis sentido, se cabe, tal como recalcan na libraría, ten retomar o contacto directo entre autores e público tras dous anos de pandemia. “Agardamos a participación activa do club de lectura de Allariz, pero non queremos cirscunscribirnos só á vila. Pensamos que o FLAZ é unha escusa estupenda para visitar Allariz. A axenda destes seis autores e autoras fai que atopalos xuntos sexa unha oportunidade única”, apunta César Lorenzo.
Programación FLAZ 2022. Venres 1 e sábado 2 xullo, 2022, Allariz.
Casa da Cultura (Rúa do Castelo, 2)
Venres, 1 de xullo
12.00. Por amor á arte. A literatura como manifestación artística hoxe. Conversa entre Emma Pedreira e Juan Tallón
18.30. O pasado é un país estranxeiro. Tamén en Euskadi? Conversa entre Katixa Agirre e Edurne Portela.
Sábado, 2 de xullo
12.00 …O suspense na literatura actual. Conversa entre Diego Ameixeiras e José Ovejero.
18,30. Mesa redonda: Para que serve hoxe a literatura?. Participan Katixa Agirre, Diego Ameixeiras, José Ovejero, Emma Pedreira, Edurne Portela e Juan Tallón.
Participantes:
Katixa Agirre
A última novela de Katixa Agirre (Vitoria, 1981) Amek ez dute está traducida a varias idiomas, entre eles o castelán co título Las madres no (Tránsito, 2019); esta ficción protagonizada por unha escritora tamén está sendo obxecto dunha adaptación cinematográfica por parte da directora e guionista catalana Mar Coll. A crítica destaca a orixinalidade dunha proposta literaria que non pretende responder ás cuestións sobre a maternidade, senón, máis ben, expoñer as súas contradicións. Agirre, doutora en Comunicación Audiovisual e profesora da Universidade de País Vasco, comeza a súa carreira literaria coas coleccións de contos ‘Sua falta zaigu’ (Elkar 2007) e ‘Habitat’ (Elkar, 2009); tras varios libros dirixidos ao público infantil escribe a súa primeira novela, Atertu arte Itxaron(Elkar, 2015), coa que obtén o premio 111 Akademia, traducida dous anos máis tarde ao castelán co título Los turistas desganados (Pre-textos).
+ en https://www.youtube.com/watch?v=L02HypDQplA
Diego Ameixeiras
En 2004 Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976) estreábase na literatura con Baixo minimos e dous anos despois xa era merecedor do Premio Xerais de Novela por Tres segundos de memoria. Ourense convertíase así nun dos seus espazos referenciais a través da novela negra, xénero co que comezaba a madurar un estilo propio para posicionarse ante a realidade máis próxima e as cuestións sociais. Case vinte anos despois, o estilo directo, duro, áxil para retratar escenarios e personaxes non exentos de escuridade conforman a identidade literaria do xornalista, guionista e escritor Diego Ameixeiras. Premio do Director da Semana Negra de Gijón, por Dime algo sucio (2011) e finalista do Premio Hammett por Conduce rápido (2017), algunhas das súas obras foron traducidas ao castelán, catalán, alemán e italiano. Escribe semanalmente en La Voz de Galicia e o seu oficio espállase como guionista polo cinema, teatro e televisión. O cervo e a sombra (Xerais, 2021) é a súa última novela, Premio Nacional da Crítica en lingua galega 2022.
+ en https://www.xerais.gal/autores.php?tipo=autores&id=100008125
José Ovejero
Explorar distintos xéneros forma parte do xeito de abordar a literatura de José Ovejero (Madrid, 1958): novelas, contos, teatro, poesía, ensaio, libros de viaxes. A súa última obra, Humo (Galaxia Gutenberg, 2021) é unha novela de enorme beleza -tamén tristeza- que retrata unha historia de supervivencia centrada en dúas personaxes: unha muller e un neno. É José Ovejero un autor galardoado nas diferentes abordaxes literarias: co seu ensaio La ética de la crueldad (Anagrama, 2012), no que convida ao lector a mergullarse na “escrita cruel” a través dun conxunto de autores contemporáneos de referencia, obtivo o Premio Anagrama, o Premio Bento Spinoza e o Premio Estado Crítico. En 2013 gaña o Alfaguara de Novela con La invención del amor e, en 2017, o seu poemario Mujer lenta (Pre-textos) recebe o Premio Juan Gil-Albert. Conferenciante, viaxeiro, colaborador en medios de comunicación, mestre de escrita creativa en diferentes entidades, etc, na súa vivencia da escrita non é menor a faceta de tradutor ao castelán co teatro de Agota Kristof, a novela Los motivos de Aurora, de Erich Hackl, e o ensaio Fanáticos insulsos, de Pankaj Mishra.
+ en joseovejero.com
Emma Pedreira
A relación cos libros e a literatura de Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é o cerne da súa última obra publicada até o momento Os libros que hai en min (Cuarto de Inverno, 2021). Poesía, ensaio e narrativa forman parte do seu haber, sempre convencida de que a literatura ten que ter unha utilidade pública e social. A súa andaina literaria arranca con versos que darán forma aos seus primeiros libros: Diario bautismal dunha anarquista morta, galardoado co Premio Johan Carballeira e publicado en Espiral Maior en 1999; ese mesmo ano gaña con Grimorio o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía. Na súa dimensión poética destaca Antídoto (Alvarellos, 2017), unha edición bilingüe galego-castelán na que inclúe o poema “Lista da compra da viúva”, que recibiu en 2017 o V Premio Internacional Jovellanos ao “Mellor poema do mundo”. Emma Pedreira é unha das autoras máis galardoadas do país: nun mesmo ano, 2018, obtén o Premio da Crítica Española en narrativa en lingua galega por Bibliópatas e fobólogos,o Xerais de Novela por Besta do seu sangue e o Fiz Vergara Vilariño de poesía por As voces ágrafas. En 2019 a súa novela Os corpos invisibles foi merecedora do Premio Jules Verne de literatura xuvenil.
+ en https://lecturafilia.com/2021/12/02/os-libros-que-hai-en-min-de-emma-pedreira/
Edurne Portela
Tras trece anos de carreira académica na universidade estadounidense, Edurne Portela (Santurce, 1974) irrompiu na literatura peninsular en 2016 coa publicación do ensaio El eco de los disparos: cultura y memoria de la violencia (Galaxia Gutenberg). A súa primeira novela Mejor la ausencia foi editada o ano seguinte e con ela obtivo o premio do gremio de libreiros de Madrid e o premio Ciudad de Cassino coa súa tradución ao italiano; tamén en 2017 asina, xunto a José Ovejero, o guión do documental “Vida y ficción”. Exerce como editora da colección de ficción para Galaxia Gutenberg e colabora habitualmente en medios como El País, Radio Euskadi e Cadena Ser. Tras Formas de estar lejos, editada en 2019, a súa última novela é Los ojos cerrados (Galaxia Gutenberg, 2021), na que a memoria é un dos eixos centrais e para a que, segundo confesa a autora, foron fundamentais as conversas co seu pai, orixinario de Meira (Galicia), ao redor da Galicia dos anos corenta e cincuenta.
+ en edurneportela.com
Juan Tallón
Obra maestra (Anagrama 2022), a última novela de Juan Tallón (Vilardevós, 1975), converteuse nun dos acontecementos literarios deste 2022 desde a súa chegada ás librarías; investigación, arte, ensaio e xornalismo nun libro que apuntala a carreira literaria de Tallón. A desaparición dunha escultura de Richard Serra de trinta e oito toneladas en 2006, pertencente á colección do Museo Reina Sofía de Madrid é o punto de partida de Obra Maestra; páxinas nas que podemos recoñecer ao Tallón xornalista e colaborador de medios como El Progreso, El País, Jot Down ou a SER. Licenciado en Filosofía, xa hai vinte e cinco anos que publica o seu primeiro libro Manuel Murguía: cartas dun loitador e foi colleitando galardóns como o Certame de relatos Francisco Fernández del Riego, o de Narrativa Erótica La Máquina de Vapor ou o Premio Modesto R. Figueiredo. En 2018 a novela Salvaje oeste (Espasa), co pano de fondo do boom económico español dos anos noventa , convértese nun éxito de lectores en todo o Estado; Rewind, publicada dous anos máis tarde por Anagrama, afianza o seu estilo e confírmao como un dos autores do momento que nos toca vivir.
+ en https://www.rtve.es/rtve/20220207/juan-tallon-pagina-dos/2283520.shtml