Allariz presentou onte os menús e tapas que ofrecerán dende hoxe, máis de 20 establecementos hostaleiros que participan na sétima edición das Xornadas de Carne de Boi de Allariz e que se desenvolverán ata o 14 de outubro.

Os locais participan no concurso de tapas que terán como principal ingrediente a carne de boi de Allariz. Os pinchos serán cociñados de moitos xeitos distintos e os comensais atoparán dende milfollas de xarrete de boi, hamburguesas, empanadillas, callos ou boliños recheos, entre outros.

As persoas que degusten as diferentes tapas, mínimo catro, poderán votar no concurso cubrindo a tarxeta de votación e optando, así,  a varios premios, no sorteo do 27 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera.  Das votacións dos clientes extraerase a mellor tapa e outorgarase un diploma ao local hostaleiro galardoado.