A Asociación Galega de Apicultura crea en Allariz un novo proxecto apícola: A Escola Galega de Apicultura

A Escola Galega de Apicultura será un centro de formación apícola ubicado na vila de Allariz. Trátase dun novo proxecto promocionado dende a Asociación Galega de Apicultura, no que participarán o concello de Allariz e a Fundación Ramón González Ferreiro, que comezará a funcionar na primavera do 2018.

O obxectivo deste proxecto é contar cun centro de referencia para a apicultura galega e sobre todo para a provincia de Ourense, dende o que se promoverá a formación técnica dos apicultores e apicultoras e no que se destaquen valores coma o medio ambiente e o asociacionismo. Dende AGA consideramos que a provincia de Ourense, sendo unha das provincias con maior número de colmeas e de profesionais da apicultura, merece contar cun centro destas características no seu territorio.

Actividades

Alí desenvolveranse un mínimo de actividades anuais, entre as que se incluirán cursos de formación, o Día Mundial das Abellas o 20 de maio e unha feira do mel no outono. A primeira actividade que se ofrecerá esta primavera será un “Curso superior de apicultura comercial”, co obxectivo de formar a profesionais da apicultura na produción e comercialización dos produtos das abellas que teñen demanda no mercado e contan cun valor comercial engadido.

Curso superior de apicultura comercial

Vai dirixido especialmente a persoas con formación teórica e práctica en apicultura, que queiran incrementar os ingresos por esta actividade a partir de producións e innovacións con saída comercial. Tamén para quen xa se adica ou queira adicarse a formación apícola ou á comercialización de produtos abelleiros .

O programa incluirá dous grandes bloques. O primeiro irá adicado á produción, no que se tratará sobre o mel ecolóxico, monoflorais, con denominación, crema e derivados e pole. Incluiranse tamén neste apartado aspectos legais e unha guía de boas prácticas. O segundo bloque tratará sobre a comercialización, amosando os diferentes canais e as súas características, tanto de venta por produción primaria como outros circuitos curtos e longos, a granel e outros métodos.

2018-01-22T10:47:13+00:00viernes, 12/01/2018|ACTUAIS, FORMACIÓN, NOVAS ALLARIZ|
X