O Concello de Allariz, a través da súa área de Mocidade, pon en marcha unha nova edición da “Primavera na Mocidade”, un programa repleto de actividades destinadas á mocidade do municipio. Entre os meses de abril e xuño, as persoas interesadas poderán participar en roteiros, obradoiros, concertos e eventos lúdicos co obxectivo de fomentar a cultura, o coñecemento e a convivencia.
Un dos pratos fortes da programación serán os roteiros de memoria histórica, que inclúen:
-
27 de abril: Teixedal de Casiao e Minas de Wolframio (dificultade alta).
-
31 de maio: A Eiredera: O último bastión da resistencia antifranquista en Ourense (dificultade baixa).
-
29 de xuño: Irmandiños: Xeolocalización e aventura na Ribeira Sacra.
O custo destes roteiros será de 15 euros (10 euros para residentes en Allariz).
Ademais, a programación inclúe obradoiros formativos de gran interese, como:
-
Abril: Stop Velutina, para coñecer técnicas de trampeo e consellos básicos.
-
Maio: Iniciación á mesa de mesturas e Pica Discos (DJ).
-
Xuño: Privacidade e Internet: Fuxindo do Big Data.
O 16 de maio, celebrarase un evento especial na Praza Maior para conmemorar as Letras Galegas, con actuacións da Escola Municipal de Música Tradicional de Allariz, Ukestra do Medio e Guezos, ás 21:30 h.
A programación tamén inclúe actividades de fin de curso, como o I Torneo Amateur de Xadrez “Mocidade Alaricana” o 1 de xuño, e a actividade de Batería, Batucada e Guitarra o 13 de xuño, na Casa da Cultura.
O concelleiro de Mocidade, Iago Santás, anima á mocidade local a participar nesta nova edición da “Primavera na Mocidade”. “Con esta programación, queremos ofrecer á mocidade de Allariz un espazo para a creatividade, a aprendizaxe e a diversión. As actividades están pensadas para que todas as persoas, especialmente aquelas de entre 13 e 35 anos, podan atopar algo do seu interese. Animamos a toda a xente a inscribirse e participar activamente nesta proposta cultural e educativa”, destacou Santás.
Todas as actividades están abertas ao público en xeral, especialmente á mocidade de entre 13 e 35 anos. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un correo a mocidade@allariz.gal, indicando o título da actividade na que desexan participar.
Con esta ampla programación, Allariz reafírmase como un referente no impulso á participación xuvenil e á dinamización cultural do municipio.
Para máis información, consulta a páxina web oficial do Concello de Allariz: www.allariz.gal.