Hoxe, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, xunto á concelleira de Promoción Económica, María López, presentaron a edición de 2024 do Allariz de Medo. O evento, que terá lugar do 31 de outubro ao 3 de novembro, contará cun ambiente misterioso e actividades que combinan a tradición do Samaín con entretemento para todas as idades.
Na presentación, que se realizou en Allariz, Cristina Cid e María López estiveron acompañadas por visitantes doutro mundo, engadindo un toque máxico e intrigante ao evento. As representantes municipais destacaron a importancia de manter e vivir as tradicións, invitando a toda a comunidade a participar e gozar das actividades programadas para esta edición de 2024.


PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Xoves 31 de outubro:
18:30h: Cea “De cea cos defuntiños”, contacontos para os máis pequenos, xunto con Iseo A Moura. Praza de Abaixo
20:00h: Procesión da Santa Compaña dende a Praza Maior. Silvardeiras Teatro
23:30h: DJ Apocalipsis pechará a noite cunha sesión de música que promete moito ambiente.
Venres 1 de novembro:
20:00h: Procesión da Santa Compaña dende a Praza Maior. Silvardeiras Teatro
Sábado 2 de novembro:
16:30h e 18:00h: Obradoiro Infantil de candis na Paneira (90 min por quenda). É preciso inscribirse a través dun formulario que atoparán na nosa páxina    allariz.gal/allarizdemedo.

Dende o 31 de outubro e ata o domingo 3 de novembro, haberá un percorrido con diferentes escenas nas que ánimas, esqueletos e druídas nos transportarán á festividade do Samaín e ao mundo dos defuntos. As rúas nas que atoparás estas ambientacións serán: rúa do Portelo, Praza de Santo Estevo, rúa da Cruz, rúa do Pozo, Praza Maior, Atrio de Santiago, Praza de Abaixo e Praza do Matadoiro.
Todo isto creará un ambiente único e misterioso polas rúas de Allariz que non te podes perder.