A Escola de Familias a Orella Verde continúa coa súa labor e un ano máis, e xa son 18 dende o seu nacemento, dá comezo a un novo curso.

Logo do éxito acadado no curso anterior coa participación de 30 familias ao longo do ano, a Escola reabre con diferentes actividades. En horario de tarde realizaranse dúas sesións ao mes para traballar contidos entorno á educación dos fillos e fillas.

O obradoiro de danza, que tivo moi boa acollida, repetirase de novo co obxectivo de que nais e pais compartan espazo con fillos e fillas e se comuniquen a través do corpo, da música, dos silencios, entrando en contacto con outras familias e facendo comunidade.

Como novidade, ao longo do ano levaranse a cabo diferentes obradoiros de temática diversa para fomentar a creatividade como contacontos, xogos populares, andainas infantís, entre outros. “Neste primeiro trimestre elaboraremos unha viaxe a través dun conto, Teopía, no que se creará un mundo diferente” explicaba a técnica, Uxía Fernández.

Para participar na Escola de Familias: información e inscricións no Fogar dos Maiores, na Barreira, ou no teléfono 988 55 40 59.