O Concello e veciñanza de Allariz únense para reclamar a Administración e operadoras conexións de Internet de calidade e analizará, a través da participación cidadá, a situación real das telecomunicacións en Allariz.

Esta mañá, a alcaldesa Cristina Cid, xunto con representantes veciñais, deu conta da situación que sofre Allariz en canto ao deficiente servizo de conexión a Internet, dando voz a unha demanda urxente da veciñanza “na actualidade Allariz sufre unha situación, no que ten que ver coa banda ancha, que fai imposible a conexión a Internet, na actualidade deficitaria e insuficiente, e imposibilita actividades comerciais e de ocio normalizados.

As cifras que mostran os estudos  son enganosas, tanto a nivel nacional como autonómico, non reflectindo a natureza do problema da dispersión poboacional e a diseminación dos núcleos, unha singularidade galega. Ademais Allariz conta no propio núcleo con moitas diferenzas tecnolóxicas,non só en tecnoloxía por cable, senón tamén a orografía e o tipo de edificacións dificultan as tecnoloxías sen fío.

A alcaldesa explicaba as numerosas xestións realizadas coas operadoras e coa Administración, tanto Xunta como Ministerio, co obxectivo de coñecer o plan de dotación de conexión aos municipios de alomenos 30 Mb por segundo. Un plan que segundo sinalou Cristina Cid “non se cumpriu polo que as xestións foron infrutuosas”.

Co obxectivo de mellorar esta situación “inaceptable no ano 2019” Concello e veciños/as únense nunha campaña para acadar vías de solución a esta deficiencia. Recollida de sinaturas solicitando, ás principias compañías de telecomunicación, a disposición dun servizo de acceso a Internet de banda ancha en suba e baixada, sen límites de datos e a prezos axeitados así como a creación dun mapa virtual real e actual son as medidas que dende hoxe estarán en marcha.

O Concello de Allariz pon á disposición da cidadanía, en  www.allariz.gal/internet, un formulario para a recollida de datos, que ofreza unha radiografía fiel da situación actual referente as conexións en Allariz co obxectivo de remitir a información aos responsables e solucionar esta situación de “desconexión”.

Allariz é un concello dinámico, cunha importante rede comercial e hostaleira que anualmente aumenta poboación, o que implica que as actuais infraestruturas tecnolóxicas son compartidas por máis usuarios/as de peor calidade.  Este problema agrávase en eventos punteiros coa afluencia masiva de turistas.