Durante o luns 15 de novembro a asociación ecoloxista ADEGA levou a cabo unha charla sobre a xestión dos residuos en Allariz co alumnado de 4º de primaria do CEIP Padre Feijoó. Nela as rapazas e rapaces puideron coñecer en profundidade os proxectos de compostaxe comunitaria e caseira que xa levan uns anos xestionando unha parte importante da fracción orgánica do lixo no concello. Ademais tamén aprenderon sobre a redución e separación en orixe dos residuos.

De seguido o persoal técnico de ADEGA continuou coas visitas de seguimento dun total de 200 composteiros domésticos que foron repartidos por todas as parroquias do concello.

Estas e outras actividades teñen lugar no marco da campaña  RE de divulgación e educación ambiental centrada na compostaxe do Concello de Allariz que conta co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente e está subvencionada con fondos europeos.