O Concello de Allariz continúa coa campaña posta en marcha no mes de maio xunto coa Asociación Ecoloxista ADEGA cuxo obxectivo é a concienciación sobre a redución, reutilización e reciclaxe dos nosos residuos e que se centra especialmente na compostaxe. Así mesmo, esta iniciativa conta tamén coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Parte desta proxecto consiste en realizar charlas nas diferentes parroquias alaricanas sobre a utilización dos composteiros e a reciclaxe. Tamén se realizarán visitas porta a porta para sensibilizar á veciñanza da contorna sobre a importancia da separación dos diferentes tipos de lixo. As charlas informativas comezan este martes, día 20, ás 17:00, no local de Torneiros (O Areal); o mércores, día 21, ás 17:00, no local social de San Vitorio e, o mesmo día, ás 20:00, no local social de Roiriz.

Ademais da propia información que se exporá sobre a utilización do composteiro e sobre a reciclaxe, tamén se indicarán os pasos precisos para obter un composteiro de balde, que servirá para o aproveitamento dos restos de alimentación.