Allariz conta atrás para as vacacións de Semana Santa na que recibe a chegada de miles de visitantes e na que se rexistra anualmente, unha alta ocupación. Con este motivo, dende hai anos, ofrece a veciños e veciñas e turistas o programa “Semana Santa ao Vivo” que inclúe, música ao vivo nas rúas, mercados de artesanía e de gastronomía ou sesión de xogos tradicionais para as familias e outras novidades desta edición.

Unha novidade importante para este ano é a iniciativa “Ruta interpretada por Allariz”, que organiza a área de Turismo xunto coa empresa alaricana Xeitura. O obxectivo da mesma é amosar, durante unhas dúas horas e acompañados de guías especializadas/os na historia e patrimonio de Allariz, algúns dos recunchos con máis tradición da vila. Terá lugar os días 19 e 21 de abril ás 11:30 h.

E ademais, o domingo 21, Allariz recibirá a visita do movemento Urban Sketchers de Ourense. Artistas da pintura e do debuxo, profesionais e afeccionados, aos que se poden unir todas as persoas que o desexen,  achéganse a Allariz para celebrar o maratón de bocetos do Centro Histórico de Allariz.