Este mes de outubro gozaremos dunhas semanas cheas de propostas especialmente deseñadas para as nosas persoas maiores.
Dende hai 17 anos, o Concello de Allariz, a través da Concellería de Benestar Social, organiza cada comezo de outubro as Semanas das Maiores. Cada 1 de outubro, Día Internacional das Persoas Maiores, sumámonos á celebración para reivindicar que todas e todos eles contan, suman e aportan moito á nosa sociedade.
Na mañá de hoxe, a concelleira de Benestar Social e a técnica de maiores, Tania Álvarez e Sonia Paz, presentaron esta edición. Segundo as organizadoras:
“Ao longo de tres semanas, desenvolveranse actividades variadas que abranguen as diferentes dimensións do envellecemento activo: cultura, saúde, memoria, lecer e convivencia. Convidámosvos a todas e todos a participar e gozar destas datas, porque sodes as e os verdadeiros protagonistas.”
Programación detallada
As actividades comezarán o mércores 1 de outubro cunha andaina e xantar de convivencia. Unha oportunidade para compartir camiñada, conversa e mesa, fortalecendo lazos entre veciños e veciñas. Para poder participar é necesario anotarse antes do 29 de setembro.
O martes 7 de outubro, ás 17:00 horas no Fogar dos Maiores, terá lugar o obradoiro “Transformacións ao longo da vida”, impartido pola psicóloga sanitaria Marisa Fariñas (Asociación Diabética Auria). Será un espazo de reflexión arredor dos cambios persoais, emocionais e sociais que vivimos ao longo do tempo, e como podemos afrontalos con saúde e resiliencia. As inscricións estarán abertas ata o 3 de outubro.
O venres 10 de outubro será a quenda dunha das actividades máis agardadas: a viaxe cultural a A Coruña. Un día para gozar xuntos do patrimonio, a cultura e o ambiente desta cidade galega. Para participar, as persoas interesadas poderán inscribirse dende o luns 29 de setembro ás 9:00 h ata o venres 3 de outubro ás 14:00 h.
Xa o mércores 22 de outubro, ás 16:45 horas no Fogar dos Maiores, desenvolverase o obradoiro “Lembrar, volver a pasar polo corazón”, conducido por Getse Valenzuela, educadora, contadora e cantora de historias. Un encontro para recuperar lembranzas, compartir vivencias e poñer en valor a memoria como un tesouro colectivo. A inscrición permanecerá aberta ata o 21 de outubro.
Finalmente, o ciclo pecharase o venres 17 de outubro, ás 19:30 horas tamén no Fogar dos Maiores, coa presentación do proxecto documental “Fiar e cantar”, que recolle a voz e a memoria das mulleres transmisoras da música e da poesía oral galegas. Unha actividade que mestura cultura, identidade e recoñecemento ás nosas maiores.
ℹ️Inscricións e contacto
As persoas interesadas poden anotarse en todas as actividades de maneira presencial no Fogar dos Maiores (A Barreira nº 3, Allariz), chamando ao teléfono 988 554 059 ou escribindo ao correo fogardosmaiores@allariz.gal.
