O proceso de licitación para completar as obras da Barreira e da rúa Alarico segue aberto neste momento. O prazo de presentación de ofertas rematará o día 9 de maio.

As obras de humanización da zona da Barreira, a entrada da zona do Couto, están previstas que se executen na segunda quincena de xuño e xullo. Esta obra será a última fase para por en marcha a Senda Escolar, polo que no mes de setembro xa estaría executada.

Por outra banda a obra da rúa Alarico executarase a partir da segunda quincena do mes de setembro, deixando a tempada estival libre para non prexudicar aos comercios da zona coas obras.

As dúas actuación serán licitadas xuntas, polo que as empresas que se presenten teñen que entregar a planificación da actuación para as obras.

Segundo nos explicaba Cristina Cid, o que ten que ver ca sinalización da Senda Escolar vanse a sinalizar todas as rutas escolares posibles que acaban confluíndo na Praza do Couto. Tamén se elaborará un folleto informativo de todas as rutas que se repartirá ao inicio do curso escolar. Esta Senda Escolar busca o aumento de autonomía infantil así como reducir o número de vehículos que transportan nenos e nenas ao colexio, fomentando o coidado do medio ambiente. Tamén se fomentará a convivencia entre o alumnado do CEIP Padre Feijoo favorecendo que acudan ao colexio na compaña de amigos/as e compañeiros/as.

O custe total das dúas actuacións está previsto en 150.000€, no que o Concello de Allariz contará cunha contribución a este orzamento por parte da Deputación de Ourense.