As distintas áreas do Concello de Allariz están a organizar as escolas municipais de inverno. Deportes, Cultura, Mocidade e o Fogar dos Maiores retomarán no mes de outubro a programación das escolas nas diferentes áreas.

O Fogar dos Maiores ofrece para os seus usuarios actividades lúdico – formativas como alfabetización dixital para a vida cotiá ( móbil, tablet e ordenador), ximnasia terapéutica, estimulación cognitiva, clases de canto, e arte/creatividade. Para calquera consulta sobre as actividades ou os horarios no Fogar dos Maiores, na Barreira, no teléfono 988 554 059 ou no correo fogardosmaiores@allariz.gal . O prazo de inscrición comeza o día 15 de setembro. As actividades comezarán en outubro.

As escolas de Pintura e Música tamén ultiman os preparativos para poñer en marcha as actividades do vindeiro curso 2022-2023. Os máis cativos poderán participar nestas actividades organizadas dende a área de Cultura do Concello de Allariz. Linguaxe musical ademais da aprendizaxe en instrumentos como piano ou guitarra, e os máis tradicionais como gaita, pandeireta ou percusión, son as actividades que imparte a Escola de Música municipal. A Escola de Pintura tamén abre o seu prazo de inscrición. Para máis información ou tramitar a inscrición nalgunha destas actividades na Casa de Cultura, no 988 44 08 59 ou por correo electrónico cultura@allariz.gal . O prazo de inscrición estará aberto do 19 ao 30 de setembro.

A área de deportes do Concello de Allariz abre tamén o prazo de inscrición das escolas deportivas municipais, tanto baloncesto, coma fútbol, piragüismo e equitación. Podes informarte ou formalizar inscrición nos diferentes clubs e na Hípica Os Invernadeiros.

Así mesmo as pre-polideportivas, que serán para crianzas nacidas entre 2015 e 2019, tamén abren o prazo de inscrición. Para máis información ou para facer as inscricións deberás achegarte a Piscina Municipal, no teléfono 988 442 083 ou no correo piscina@allariz.gal . Esta actividade comezará o 3 de outubro.

Así mesmo a Casa da Mocidade de Allariz está ultimando os detalles da programación de cara a outono, que pronto coñeceremos. O que xa temos a disposición é a oferta de clases de música moderna como cada ano. Haberá aulas de batería, de guitarra eléctrica e de batucada. Pódeste informar no correo mocidade@allariz.gal ou no teléfono 988 442 107.