A empresa Espina & Delfín, en colaboración co Concello de Allariz, vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización baixo o lema “A auga é vida. Aprovéitaa”, coa finalidade de concienciar á poboación sobre a importancia de consumir auga de maneira responsable.
A iniciativa destaca que “aforrar auga é coidar o futuro” e anima á veciñanza de Allariz a facer un uso consciente deste recurso fundamental, especialmente nos meses de maior consumo. A través de mensaxes claras e visuais, a campaña apela á responsabilidade colectiva para preservar a auga, un ben escaso e esencial para a vida.
Os materiais da campaña, visibles en mupis e soportes públicos, mostran unha pinga de auga sobre unha man, simbolizando o coidado que require este recurso. A mensaxe está deseñada para chegar a todos os públicos e promover pequenas accións cotiás que poden marcar unha gran diferenza.
Desde Espina & Delfín destacan que “esta campaña forma parte do noso compromiso coa sustentabilidade e a educación ambiental nas comunidades nas que operamos”. Pola súa parte, o Concello de Allariz sinala que “é fundamental lembrar que cada xesto conta, e que o coidado da auga é unha responsabilidade compartida”.
A campaña manterase activa durante o verán, período no que o consumo se incrementa, pero é un compromiso que debe durar todo o ano.