Non hai mellor forma de coñecer a  historia da túa contorna que a través do xogo. Isto é o que se pretende dende o Concello de Allariz en colaboración co CEIP Padre Feijóo de Allariz dentro do programa “Eu son de Allariz”.

O alumnado do centro educativo, dende onte e durante o mes de xuño, realizaran visitas para coñecer a historia de Allariz e as súas curiosidades e achegaranse tamén ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

Ao redor de 450 nenos e nenas de educación infantil e primaria de Allariz participaran nesta actividade, que se puxo en marcha dende as áreas municipais de Educación, Infancia e Turismo do Concello de Allariz xunto con CEIP Padre Feijóo. A iniciativa busca que as rapazas /es adquiran o gusto por coñecer a súa propia historia e as personaxes que influíron nela, sempre  dun xeito ameno e divertido. A través do folleto infantil que dende o consistorio se editou a finais do 2020 e na compaña de dous guías descubrirán curiosidades da vila e visitarán os Xardíns da Poesía.

Para comezar este ano e debido a situación xerada pola Covid-19 , as saídas serán por aulas en grupo burbulla e desenvolverase ó aire libre todo o tempo.

A alcaldesa de Allariz Cristina Cid destacaba a importancia de coñecer a historia e o territorio que nos rodea  para poder gozar del e valoralo, formando a nenos/as no gusto e no respecto pola súa cultura e patrimonio.

O proxecto pretende ter continuidade no tempo e que cada ano os alumnos e alumnas  poidan coñecer lugares da contorna, coma poden ser Armea, San Salvador dos Penedos, Vilar de Flores e outra chea de recunchos que Allariz ten por descubrir de forma lúdica e entretida, fomentando o coñecemento de todos os recursos históricos e patrimoniais que Allariz ten.