As áreas de igualdade e educación familiar de Allariz organizan,  en colaboración co Colexio Padre Feijoo e co IES de Allariz, unha nova actividade co alumnado de 6º de primaria, 2º e 4º da ESO de Allariz.

Durante o mes de febreiro, unha vez por semana, e baixo a supervisión de profesionais do Instituto de Ciencias Sexolóxicas de Madrid INCISEX, a actividade busca aportar coñecementos sobre a pubertade, a adolescencia e aqueles cambios que teñen lugar nestas idades e que implican aspectos que van máis alá do físico. “ Falamos de sentimentos e de relacións” explican as técnicas. “Será un espazo para o coñecemento sexolóxico, onde os contidos aportan entendemento e comprensión dos mozos e mozas, do que son e das formas de establecer relacións coa finalidade de estar a gusto. Unha forma de investir nunha sociedade mellor, máis xusta e máis respectuosa onde a diversidade se tome coma un valor e a convivencia como un dos obxectivos máis cotizados”.

Curso: “Monitor/a de Educación Sexual”

Este sábado dará comezo, no marco do convenio de colaboración subscrito con INCISEX, o curso de formación de Monitor/a de Educación Sexual.

A formación, cuxo obxectivo principal é analizar e afondar no feito sexual humano, desenvolverase entre os meses de febreiro e xuño, cun total de 40 horas presenciais e 10 horas on line.