O Concello de Allariz a través a área de igualdade e benestar social organiza, dentro do marco do convenio co Instituto de Sexoloxía Incisex, formacións tanto para o SAF, así coma para o proxecto das Doulas Sororas ou para persoas interesadas.
A primeira delas terá lugar o xoves 3 de febreiro entre as 18:30h e as 20:30h no Fogar dos Maiores de Allariz. “ Pór en valor a vellez. Promovendo os coidados e a autonomía” é un obradoiro pensado para as auxiliares do SAF e aquelas persoas que se adiquen ao sector dos coidados, en participar con persoas maiores.
Unha xornada onde conversar para reflexionar sobre o xeito de achegarse ás persoas maiores, sobre as consecuencias que isto ten nas relacións de coidados que xeramos e mantemos con elas.
Ollámolas/os dende o recoñecemento ou dende a mágoa? Que teñen en común as persoas que están actualmente nesta etapa con quen a viviu o século pasado? Que ideas da vellez existen e como se relacionan co tipo de coidados que lles ofrecemos ás persoas nesta etapa da vida? Todas estas cuestións serán tratadas durante esta xornada formativa.
A segunda formación ofertada será o venres 4 de febreiro entre as 16:00h e as 18:00h no Fogar dos Maiores, “ A que tivo, retivo! Mulleres e vellez” é un obradoiro pensado para as mulleres do proxecto Doulas Sororas así como para as mulleres das AAVV dos núcleos rurais de Allariz. Tamén poderán asistir persoas que estean interesadas na materia.
O tema no que xirará este obradoiro será a época da vellez e como se xestiona no século XXI isto, entre outras cuestións.
Os obradoiros serán impartidos por Almudena Herranz Roldán, docente do instituto de sexoloxía Incisex, e realizaranse nas instalacións do Fogar dos Maiores de Allariz.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición para os obradoiros remata o venres 28 de xaneiro. Para máis información ou para formalizar a inscrición poderase enviar un correo a igualdade@allariz.gal ou chamar ao número de teléfono 988 554 059.