Celebrarase en Allariz a IV Feira dos produtos apícolas o vindeiro sábado día 3 de setembro. Un evento que tenta consolidarse coma unha das feiras de referencia do sector en Galicia. Contará con 12 postos que xunto cos apicultores locais formarán un gran escaparate que amosará toda a súa riqueza e diversidade no entorno da Praza do matadoiro (no exterior do mercado da reserva da Biosfera) en horario de 10h a 20h.
Na feira poderemos atopar venda de produtos apícolas. O visitante poderá tamén coñecer unha gran variedade de meles ademais dos diferentes produtos da colmea, como o pole ou o própole e outros derivados do mel coma poden ser infusións, cervexas ou cosmética apícola. A intención da feira é afastarse da idea tradicional de mercado e amosar algo máis que os produtos da colmea.
Durante a xornada desenvolveranse actvidades variadas:
- Ás 13 h terá lugar unha actividade de degustación de produtos apícolas con produtos do Mercado da Reserva da Biosfera.
- Ás 16.00h terá Lugar a presentación da delegación de AGA en Allariz.
- Ás 17:00h a presentación do libro”Reprodución apícola” e Marcos Varela. Charla sobre a cria de Raiñas.
- Ás 18,30h será a presentación da Delegación AGA mulleres de Galicia.
- Ás 19;30h realizarase o sorteo de dúas cestas con produtos apícolas entre todas as persoas que participen mercando na feira.
A Asociación Galega de Apicultura e o Concello de Allariz organizan de forma conxunta esta feira coa intención de pór en valor este produto e todos os seus derivados. O longo do ano AGA e Concello colaboran tamén con iniciativas como o Día da Abella ou a través de cursos de formación para o sector. Na presentación do evento estiveron presentes Noela Torres, técnica de AGA, Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente e María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo.