A fin de semana do 19 ao 21 de agosto Allariz acollerá unha nova edición da Festa da Empanada.

Unha ampla programación de actividades centrará a celebración da exaltación deste produto local.

Na mañá de hoxe a Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, estivo acompañada polo concelleiros de Cultura, Deportes e de Promoción Económica, Alberto Cid, Helena Suárez e María López para presentar as novidades desta edición de 2022 con actividades pensadas para que toda a poboación local e as persoas que nos visiten gocen de Allariz.

A Festa da Empanada arrancará o venres 19 de agosto ca festa infantil no Campo de Vilanova ás 17:00h. Ese mesmo recinto acollerá ás 23:00h a proxección de Live is Life.

Por outra banda, o Campionato Infantil da Billarda será ás 11:00h. Pola tarde ás 19:00h será a final do Campionato da Billarda Senior no Campo da Barreira.

A xornada do sábado arranca ás 11:00h ca XXXII Regata de Piragüismo, Liga provincial- Copa Deputación dende o embarcadoiro da Alameda. En horario de tarde as actividades darán comezo ás 19:30h co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, de novo no Campo de Vilanova.

Unha das novidades deste ano e a celebración dunha exaltación da empanada coa Xornada Gastronómica que terá lugar nos Xardíns do Museo do Coiro. Estas xornadas contarán ca participación da D.O Monterrei e darán comezo a partir das 21:00h.

Ás 22:00h Tecor Societário dará un concerto e ás 00:00h Ruxe Ruxe. Os dous concertos serán no mesmo espazo, os Xardíns do Museo do Coiro.

O domingo 21, a Banda de Música Agrupación Musical do Rosal realizará un pasacalles dende as 11:00h.

Os xigantes e cabezudos de Allariz non poden faltar nas celebracións polo que a partir das 12:00h realizarán un desfile acompañados polo grupo de gaitas De Pe Feito. O percorrido será dende a Praza de Abastos ata o Campo de Vilanova.

Outra das novidades deste ano será o concurso afeccionado e profesional de Empanada que se realizará a partir das 12:30h. Todas aquelas persoas que queiran participar deberán anotarse no correo electrónico participa@allariz.gal. Haberá premios, para a categoría profesional o distintivo de Mellor Empanada de Allariz, e para a categoría afeccionada haberá tres premios, o primeiro clasificado recibirá un vale de 300€ , o segundo e terceiro un vale cada un de 100€. Todos os vales poderanse gastar no comercio e na hostalería local. As bases do concurso estarán colgadas na web allariz.gal/festadaempanada/. A organización do evento designará un xurado para realizar o concurso.

Para rematar a mañá dominical, a Banda de Música Agrupación Musical do Rosal, ofrecerá un concerto no Campo de Vilanova.

Pola tarde e para continuar coa música, o grupo De Vacas estará no Campo de Vilanova a partir das 19:30h.

Así mesmo e o finalizar o concerto haberá Baile Popular a partir das 21:00h nos Xardíns do Museo do Coiro co Grupo Claxxon. A verbena co mesmo grupo comezará a partir das 00:00h.

Poderase atopar empanada durante toda a fin de semana nos locais de hostalería así coma en panaderías e pastelerías.

O domingo haberá Festa Campestre no Campo de Vilanova con churrasco e polbo durante toda a xornada.

Dende o Concello animan a todas as persoas de Allariz, así coma as que nos visitan durante estes días estivais se animen a participar nas actividades que dende a institución municipal se organizan para esta edición da Festa da Empanada de Allariz.

Máis info, pinchando sobre a imaxe: