Estimados veciños e veciñas:

No día de onte a Xunta de Galicia fixo público un comunicado de prensa no que anunciaba  as medidas a adoptar para intentar frear a pandemia en Ourense.

Entre esas medidas acordouse que a comarca Allariz- Maceda  pase a nivel 2, e polo tanto , co restricións que afectarán a todo o concello no plano social e económico.

Postos en contacto coas autoridades sanitarias, xustifican estas medidas  atendendo a  criterios de prudencia e prevención,  á proximidade da capitalidade, ao feito de ser un concello que recibe un importante número de visitas e porque estamos ás portas dunha ponte con bo tempo que vai  aumentar a mobilidade de persoas.

Tal e como lle trasladamos, ningún  destes criterios  ten en conta a situación epidemiolóxica de Allariz. Segundo os datos que foron facilitados a petición  deste Concello, a día de hoxe, existen en Allariz 9 casos activos. A nosa situación sanitaria, segundo o propio sistema de comunicación que a Xunta de Galicia ven de anunciar, estaría nese Semáforo Covid, na cor verde, e polo tanto, segundo o mesmo sistema, nos situaría como un” concello en situación tranquila”.

Non entendemos que se tomen decisións, que na practica suporán a aplicación de restricións, sen ter en conta os datos sanitarios de Allariz. Vai a darse o paradoxo e a inxustiza de que concellos con afectación importante de covid non terán que aplicar medidas restritivas, e Allariz, cunha situación sanitaria mellor, terá que facelo.

Dende o Concello Allariz, consideramos que non se aplicaron en tempo e forma medidas efectivas para controlar a pandemia en Ourense, e que agora vamos a ser outros concellos os que teñamos que pagar a actuación a destempo  na capital. Si o que se quere garantir é que a poboación da capital cumpra co peche perimetral, o que deberá facerse será implementar medidas para garantir ese cumprimente, pero non castigar ao resto dos concellos.

Allariz  ven de  pasar un verán con miles de visitantes. A pesar de ese elevado número de persoas, practicamente non tivemos casos activos en todo o verán (segundo os nosos datos, 5 activos  en todo o verán). Isto foi posible fundamentalmente porque as veciñas e vecinos de Allariz, cumpriron nunha porcentaxe elevadísima cos medidas e protocolos establecidos e porque dende que se permitiu a reapertura de negocios, o nivel de cumprimento por parte do noso comercio e hostalería,  dos protocolos foi moi elevado. Así o fixeron saber moitos turistas a este concello, a través de diferentes felicitacións. Allariz é polo tanto, un destino seguro.

A pesar de que é difícil de entender que se penalice a un concello que ten datos de afectación tan baixos como o noso, e que ten feito as cousas razoablemente ben, debemos seguir co mesma liña de traballo,  aplicando as medidas de protección e os protocolos para seguir nestes niveis tan baixos de incidencia da Covid, para preservar o máis importante, que é  a saúde.

Mañá ás 12.30 manteremos una reunión por videoconferencia co Conselleiro de Sanidade e volveremos a trasladar a nosa posición. Do resultado da reunión, e da publicación, que hoxe fará a Xunta da afectación e medidas a adoptar informaremos tanto a poboación xeral como aos diferentes sectores afectados.

Recibe un cordial saúdo.

Allariz, 7 outubro de 2020

A ALCALDESA

Asdo: Cristina Cid