Este mes de maio comeza o ciclo de educación sexual que o Concello de Allariz oferta dende hai varios anos, para os cursos de 6º de Primaria do Colexio Padre Feijoo, e 2º da ESO do IES de Allariz.
Será impartido pola educadora familiar e a técnica de igualdade do Concello de Allariz e ten como finalidade traballar a partir de intervencións curtas contidos da disciplina sexolóxica relacionados coa puberdade e a adolescencia.
A idea dos ciclos de educación sexual foi acuñada por Efigenio Amezúa, e nesta ocasión fai referencia a varias sesións para cada un dos grupos, onde se traballarán contidos relacionados co feito de ser sexuados e sexuadas e as implicacións que ten para nós e para as relacións que establecemos, para a convivencia.
Reflexionaran sobre os cambios nos corpos e nas relacións derivados deste momento biográfico e introduciran ideas que acheguen coñecemento para axudar a un mellor entendemento de cousas que nos poden acontecer e que inflúen no mozo/a que estou sendo. Ideas como o feito de ser sexuados e diferentes, as ideas de amizade, de intimidade, de gusto polo outro/a, das ideas de parellas, etc.
Contidos todos eles traballados dende unha actitude comprensiva e de cultivo, entendendo e valorando as diferencias e cultivando así a convivencia, obxectivo final deste tipo de intervencións por parte deste Concello.
Os obradoiros de educación sexual realizaranse co alumnado de 6º de primaria e de 2º da ESO . Esta iniciativa que xurdiu fai anos, realizase dende a Area de Benestar Social do Concello de Allariz en colaboración cos centros de ensino.