O Colexio Público Padre Feijóo de Allariz aumenta o número de alumnos/as no curso que vén de comezar. Sesenta e seis rapaces e rapazas comezarán este ano os seus estudos no CEIP Allariz. Concretamente 49 deles en infnatil e 17 en primaria. O aumento sitúa ao alumnado en 445 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, dos cales 155 cursarán educación infantil e 290 educación primaria.

O director do colexio, Javier Fernández, valora moi positivamente este aumento e sinala que  “trátase da matrícula máis alta nunca antes alcanzada”. Ledicia que comparten os representantes do concello de Allariz polo aumento de poboación residente en Allariz, “unha vila que ofrece  calidade de vida aos seus veciños e veciñas”.

Servizos como o comedor aumentan os/as seus usuarios/as ata un total de 350 alumnos e a aula de espera, servizo municipal iniciado en 2006 con 19 nenos,  acolle agora a unha media de 40 nenos e nenas. Esta é una iniciativa de atención á infancia que ofrece aos pais e nais traballadores a posibilidade de deixar aos/ás estudantes de educación infantil e primaria no centro, con anterioridade ao inicio das clases.

O colexio incrementará ademais de xeito importante a oferta de actividades extra escolares coa oferta de actividades deportivas como judo, ximnasia rítmica, patinaxe, xadrez ou artísticas como cociña creativa e robótica e, tamén,  inglés, francés, linguaxe musical e  escritura dixital.