O Comercio de Allariz ven de presentar unha nova imaxe actualizada que comezará a empregarse nas comunicacións relacionadas co sector económico da localidade.

Un novo logotipo que aglutina tanto o comercio, de bens e servizos, como a hostalería de Allariz xunto coa  creación dun blog e unha rede social corporativos, forman parte dos primeiros pasos do novo plan de comunicación.

A nova imaxe, creada por Ainet Coinsulting, parte do deseño dun novo produto máis moderno que realza como principal elemento o comercio, entendendo este como o conxunto da oferta de bens e servizos, xunto co concepto de Allariz como marca de calidade, exclusividade e oferta variada.

Xunto a nova imaxe corporativa incorpórase, no novo plan de comunicación, a creación dun blog destinado ás novas do comercio e hostalería de Allariz na páxina web allariz.gal/xornal (https://www.allariz.gal/xornal/category/novas-allariz/comercio-hostalaria/), un apartado exclusivo no que se irán publicando novas xerais relacionadas co sector económico de Allariz. Ademais a posta en marcha dunha rede social propia, en Facebook, https://www.facebook.com/ComercioAllariz/, completará, polo momento, o plan de comunicación para mellorar a relación entre cliente/a e Allariz.