O Concello de Allariz, ABANCA e Afundación formalizaron esta mañá na Casa do Concello o acordo de colaboración para a exposición “Castelao grafista (facsímile)”. No acto estiveron presentes a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid Fernández; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
A mostra poderá visitarse desde o 3 de abril ata o 2 de maio, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 h e de 16:00 a 18:30 h, nas instalacións da Casa da Cultura de Allariz.
Sobre a exposición “Castelao grafista (facsímile)”
A mostra está composta por pezas pertencentes ás coleccións de arte de ABANCA e Afundación, e inclúe unha selección de obras que ilustran a evolución do compromiso ético, social e político de Castelao, así como a súa paixón pola ilustración.
Os visitantes poderán percorrer a traxectoria do artista a través das colaboracións que comezou a publicar en 1924 en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, onde a ilustración e o texto se combinan para reflectir a súa crítica social. Entre as obras máis representativas destacan os álbums de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938), ademais de Cousas da vida (1930).
Tamén se exhibirá un facsímile de A derradeira leición do mestre, considerada o testamento pictórico de Castelao, onde rende homenaxe aos mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936. Ademais, a exposición inclúe retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas da época.
O Concello de Allariz anima a toda a cidadanía a visitar esta exposición, unha oportunidade única para afondar no legado de Castelao e reflexionar sobre o seu impacto na cultura e na historia de Galicia.