O Concello de Allariz está a acometer obras no entorno do Paseo da Alameda co obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade no paso pola zona.

O paseo da Alameda e o Arnado son dous espazos singulares sendo moi concorridos, sobre todo no verán, por estar nas inmediacións do Complexo deportivo de Vilanova, onde se atopan as piscinas municipais.

A brigada municipal, dentro da política de eliminación de barreiras arquitectónicas, está a acometer as obras referidas á creación de ramplas na pasarela que da acceso ao parque infantil e ás instalacións deportivas para favorecer o paso á persoas de mobilidade reducida así como a carriños de bebés; e  a creación de pasos elevados para reducir á velocidade do tránsito rodado.

A velocidade será limitada á 30km/h para unha seguridade viaria maior ao estar localizado nunha zona residencial e de uso intenso no verán.

A intervención, que conta cun orzamento de 20.000€, será realizada antes da campaña de verán.

Obras no cámping de Allariz

O Concello de Allariz tamén vai proceder a realizar obras, con carácter de urxencia,  no camiño que une a estrada de Celanova co Cámping Hípica Allariz.

A mellora pretende facilitar o acceso ás instalacións do cámping así como as urbanizacións colindantes.

A obra que ascende a 19.000€ comprenderá á colocación de aglomerado en quente para garantir o futuro da estrada e facilitar o tránsito pola mesma.