As piscinas exteriores municipais verán duplicada a súa lámina de auga para este verán. Coa finalidade de seguir mellorando a oferta deportiva e de lecer, o  Concello de Allariz, a través da adxudicataria Explotacións Medioambientais Obras e Servicios, está a reformar o vaso de adultos/as e o de chapoteo. “O obxectivo é duplicar a lámina de auga actual, pasando de 98 a 180 metros cadrados”, matizaba a alcaldesa Cristina Cid . A superficie exterior igualará á da piscina climatizada interior.

A actuación sufragarase con 100.000€ procedentes na maior parte de fondos propios (52.000€) e da Deputación de Ourense (48.000€), a través de plans provinciais.

Están previstas ademais outras novidades nas instalacións de Vilanova como a ampliación da zona de area para a creación dun segundo campo de volei-praia.