O Concello de Allariz vén de asinar, o pasado mes de setembro, un convenio con INCISEX, o Instituto de Ciencias Sexolóxicas coa finalidade de formar aos traballadores e traballadoras municipais co obxectivo, segundo explica a técnica de Igualdade Ana Cardoso, “de coñecer unha serie de contidos sobre o feito sexual humano traballando a través dunha disciplina que estuda aos homes e as mulleres para ofrecer outras maneiras de entender ao outro/a e estando nunha actitude comprensiva que aporte unha mellora na convivencia”.

O convenio entre a administración local e o Instituto ofrece asesoramento técnico e formativo  ademais da celebración de varias xornadas e a creación da escola de verán. Esta é “unha oportunidade para realizar as nosas intervencións dende outro lugar, un lugar si cabe, máis amable co feito de ser homes e mulleres en relación.”

INCISEX

O Instituto, que leva activo dende o ano 1975, cumpre o obxectivo de ser un centro de investigación e formación en sexoloxía, entendendo a sexoloxía como a ciencia que estuda os sexos, os homes e mulleres en relación.

Outras actividades da área de Igualdade con INCISEX

A área de  Igualdade pon en marcha a segunda escola formativa para as Doulas Sororas, un proxecto, iniciado o pasado ano, que ten por finalidade o aporte de formación a mulleres de catro zonas rurais para saber actuar en caso de coñecemento dalgún caso cercano de violencia de xénero.

O convenio asinado con INCISEX prestará formación ás  Doulas Sororas destinada ao mellor entendemento e comprensividade de ser humanos, entender os distintos modos de selo e perder o medo ao diferente.

Os mozos e mozas de Allariz tamén terán a oportunidade de formarse coa Instituto de Ciencias Sexolóxicas en comunicación, prevención ou traballo corporal, entre outras disciplinas. E as Xornadas do 25 de novembro realizaranse, ademais das actividades coa poboación, unha intervención para profesionais coa idea de aportar nocións que axuden ao mellor entendementos entre homes e mulleres.