Hoxe pola mañá representantes municipais, encabezados pola Alcaldesa de Allariz Cristina Cid, mantiveron unha visita institucional con todos os protagonistas que participaron durante estes dez anos nas intervencións arqueolóxicas. Esta visita celébrase dentro do marco de actividades programadas con motivo do X Aniversario do inicio das escavacións na Cibdá de Armea.

Estes protagonistas non son outros que o equipo da Universidade de Vigo encabezado polo seu rector Manuel Joaquín Reigosa Roger e Roberto Pena, xefe de Servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, os cales Cristina Cid agradecía a presenza na visita desta mañá.

A Alcaldesa lembraba que son moitos anos de colaboración entre o Concello de Allariz e a Universidade, o que se uniu fai dous anos a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, o cal permitíu que se estea a traballar nun xacemento tan importante como é a Cibdá de Armea.

O proxecto da Cibdá de Armea é un bo exemplo do que significa recuperar o pasado para proxectar o futuro, recuperar un legado que herdamos dos nosos antepasados para asentar sobre el un proxecto integral de desenvolvemento patrimonial e turístico tan importante para Allariz.

Cristina Cid avanzada que o Concello de Allariz xa está a traballar para adquirir novos terreos que permitan seguir escavando e sacar a superficie máis segredos deste xacemento arqueolóxico tan importante.

Pola súa banda, Roberto Pena agradecía que se contara ca participación da Dirección Xeral de Patrimonio nun proxecto tan ilusiónante. Remarcaba a importancia de que os alumnos e alumnas de arqueoloxía podan facer prácticas nun espazo como é o de Armea.

Dentro deste proxecto, que este ano cumpre a súa décima edición, ninguén dubida da importancia da Universidade de Vigo ao longo destes anos.

Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor da Universidade, agradecía a colaboración do Concello de Allariz coa mesma. Resaltaba na súa intervención a importancia do traballo que se estaba a desenvolver en Armea, para que a anos vista o xacemento quede a descuberto completamente, resaltando o seu valor turístico, institucional e de coñecento científico.

Durante todo o mes de xullo, en dúas quendas, o alumnado de arqueoloxía que solicitou a súa praza para realizar prácticas no xacemento, estarán a traballar supervisados polo equipo da Facultade de Historia de Ourense, a cabeza do cal está Adolfo Fernandez como director da escavación e Vicedecano da mesma.

Segundo explicaba Adolfo, despois en outubro realizarase o mes de restauración, e durante o resto do ano  e ata a próxima intervención de campo no xacemento, o traballo de procesamento de datos no laboratorio de arqueoloxía.

Agardamos que segundo vaian avanzando as escavacións que acaban de comezar fai uns días sigan descubríndonos novos datos sobre este xacemento, a Cibdá de Armea.