O proxecto ten como obxectivo realizar actuacións de recuperación e restauración do monte O Xardín, coa finalidade de conservar e valorizar o patrimonio natural e cultural de propiedade municipal.

Para elo recupérase un espazo histórico, que tradicionalmente fixo de unión entre a zona urbana e a envolvente natural da vila, en concreto entre o casco histórico de Allariz e o monte de Penamá e a terra do Millo (Milleira).

O paso do tempo e a propia historia, quixo que este espazo natural non puidese ser desfrutado por todos/as veciños/as de Allariz, ó pasar a mans privadas. Na actualidade esta situación mudou volvendo a propiedade municipal pero a dificultade de acceso a este monte, pola súa complexa orografía, a perigosidade que presentan os muros de derrube, e mesmo a presencia dunha especie invasora como é a acacia que está presente na finca en gran parte da superficie, inhabilitaba o seu uso.

O obxectivo desta recuperación e restauración é que a cidadanía de Allariz, teña acceso, o mesmo, para o seu desfrute a todos os niveis:  educación,  ocio, esparexemento e xogo. Tanto os mais novos como os maiores , disporán dun entorno natural ó carón mesmo da zona urbana e dando continuidade ó parque cuberto de Casa Lomberte.

O Concello conta para a súa execución  coa colaboración económica da Xunta de Galicia a través  das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación de rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reserva da biosfera de Galicia, co financiadas co Fondo Europeo de Agricultura de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estase a executar por parte das brigadas municipais de Medio Ambiente e Obras os camiños de acceso, a consolidación dos muros, o saneamento, o clareo e a poda das árbores xa presentes, ademais da plantación de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, nogueiras e variedades de froiteiras. Tamén se acomete a dotación de electricidade e auga para O Monte Xardín. Todas estas actuacións permitirán proximamente desenvolver unha nova zona de hortos comunitarios no espazo mais chan da parcela.

O importe total desta fase da execución é de trinta e sete mil euros dos cales trinta mil procederán da axuda para Reservas da Biosfera habilitada pola Consellería de Medio Ambiente.