Catro anos pasaron dende que o Concello de Allariz apostou por un cambio na xestión de residuos municipais, sendo un referente pouco a pouco no tratamento destes residuos. Nos últimos tempos varios foros e xornadas relacionadas co tema convidaron ao Concello de Allariz a participar en distintos relatorios sobre o tema. A situación na que nos atopamos obrigan a adaptar estes actos en vez de presenciais a actos virtuais.

O pasado 14 de outubro, o Concello de Allariz participou nas Xornadas sobre biorresiduos organizadas por LIPOR, que é o servizo intermunicipal de xestión de residuos do Gran O Porto: unha Asociación de Municipios que xestiona, valora e trata os residuos urbanos producidos polos oito municipios que o compoñen: Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Porto, Póvoa de Varzim , Valongo e Vila do Conde.

O mércores 4 de novembro, Xosé Romero,  técnico na área de Medio Ambiente do Concello participou no foro virtual da Asociación de Ámbito Estatal Composta en Red, xunto á técnicas dos concellos de o Grove, Vilaboa e  Mondariz Balneario.

Mañá  mércores, día 11 de novembro, Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente intervirá no foro Economía Circular Serra de Cádiz, organizado pola Mancomunidade de Municipios da Serra de Cádiz e a Deputación de Cádiz.

En todas estas xornadas exponse  a situación de Allariz respecto a xestión de residuos, as propostas de futuro e contéstanse  ás preguntas sobre o proxecto municipal. Allariz traballa na implantación de modelos de compostaxe non centralizados. No 2016 instaláronse 25 illas de compostaxe no territorio municipal, algunhas delas con punto de recollida de podas. Esta acción viuse reforzada dun programa de educación ambiental realizado porta a porta.

A apertura dos composteiros foi progresiva ao mesmo tempo que se visitaron  as  vivendas porta a porta coa intención de  entregar un caldeiro, un folleto informativo e explicar o funcionamento dos composteiros e a separación selectiva. Nun tempo moi breve a veciñanza de Allariz estaba a usar os composteiros a bo ritmo, os puntos de recollida de restos de poda estaban o 200% e os contedores amarelos de envase e os iglús de recuperación de vidro incrementaron substancialmente o seu uso.

Nos centros de ensino (CEIP e IES) o novo modelo foi presentado mediante campañas e actividades específicas arredor da compostaxe e da separación selectiva. Levouse a cabo unha exposición sobre a compostaxe, fixéronse charlas e xogos e instaláronse composteiros. Ao longo do curso realizáronse actividades de apoio arredor da recuperación da materia orgánica do lixo.

Nas zonas rurais, impartíronse charlas nas parroquias  para explicar a separación selectiva e deuse opción para solicitar un composteiro individual. A día de hoxe hai 300 composteiros individuais repartidos e fíxose un reforzo de contedores amarelos para envases e iglús de vidro. Todos os composteiros foron visitados para resolver dúbidas e certificar que están funcionando perfectamente.

Cada ano increméntase o número de visitantes na vila sobre todo no verán ó tempo que se alonga a tempada a primavera e outono, os negocios de hostalaría aumentaban a cantidade de residuos. Así que no ano 2018 comeza un novo proxecto recollida de residuo orgánico á hostalaría porta a porta, tamén de vidro. Mercouse un vehículo con plataforma elevadora e adaptado ao tamaño das rúas do casco histórico e comezouse coa recollida.

O compost  é destinado a pequenas explotacións agroecolóxicas que producen no concello. A acollida entre o sector agrogandeiro está sendo moi boa e este é un obxecto prioritario, o uso dos residuos reciclados mediante a súa valorización.

Este proxecto non deixa de ser a posta en práctica da estratexia de economía circular. O residuo orgánico sepárase nas casas  recóllese selectivamente, ben nos composteiros comunitarios, nos individuais ou no porta a porta na hostalaría.  O abono de calidade que se xenara no proceso, vai para as explotacións agroecolóxicas, xardíns e hortas urbanas e os produtos dos labregos véndense no grupo de consumo de Allariz,  no mercado local da Biosfera e nos restaurantes. Produto ecolóxico, local e de proximidade. Xéranse postos de emprego na xestión local dos residuos  Aumenta a separación selectiva de envases, vidro e papel e cartón. Diminúe a factura a Sogama e as emisións de CO2 derivadas do transporte.  Allariz “fábrica” solo fértil cos seus residuos.

Os datos, indican que nestes 4 anos foise incrementando a porcentaxe de vidro, envases e plásticos, papel-cartón , roupa e  voluminosos que se reciclan, así como a cantidade de materia orgánica compostada, estando a día de hoxe entorno a un 40% de reciclaxe-compostaxe de residuos que se recollen no concello.

Bernardo Varela valora positivamente todo que se ten avanzado , e di que aínda falta moito por facer.  Aprendemos da interacción con outros lugares que están a desenvolver estratexias de éxito, pero o camiño está trazado e o esforzo debe continuar.