O Concello de Allariz continúa co impulso da compostaxe doméstica e comunitaria como parte do seu compromiso cun modelo de xestión sostible dos residuos e co avance cara á economía circular.
O pasado sábado comezaron as xornadas abertas á veciñanza no Mercado da Reserva, nas que se explicou o funcionamento da Rede de Compostaxe de Allariz, os beneficios ambientais desta práctica e o proceso de participación no programa municipal. Durante esta primeira xornada, representantes municipais que se achegaron a xornada, agardaban seguir medrando no reparto de composteiros. Ademais, entregouse material informativo e parte do equipamento necesario para iniciar a compostaxe nos fogares. Nesta sesión inicial, recolléronse un total de 50 caldeiros e 10 composteiros novos por parte das persoas participantes, o que amosa o interese crecente da veciñanza por esta iniciativa sostible.
Nesta fase do proxecto, destinada á compostaxe doméstica, o Concello conta con 100 composteiros novos e 400 caldeiros para repartir entre as persoas interesadas, co obxectivo de facilitar a separación dos restos orgánicos e fomentar o aproveitamento responsable dos biorresiduos.
As seguintes xornadas de información e entrega de material terán lugar:
-
Sábado 18 de outubro, nos seguintes puntos: locais sociais de San Vitoiro (10:00–11:00 h), Coira (11:30–12:30 h) e Torneiros (13:00–14:00 h).
-
Sábado 25 de outubro, no Campo da Barreira, de 11:00 a 13:00 h.
Ademais, todos os martes que quedan do mes de outubro, as persoas interesadas en recoller o seu caldeiro ou composteiro pode achegarse á Praza Maior, en horario de 11:00 h a 13:00 h.
Para os grandes produtores, entregaranse colectores con chaves para deixar fóra do local e colectores de pedal para uso no interior dos establecementos, adaptándose así ás necesidades de cada tipo de usuario.
Durante estas sesións, o persoal técnico ofrecerá asesoramento e resolverá dúbidas sobre o proceso de compostaxe, a correcta separación dos residuos e o uso dos composteiros.
Con esta iniciativa, o Concello de Allariz reforza o seu compromiso coa transición ecolóxica, a educación ambiental e a implicación da veciñanza na construción dun concello máis sostible e respectuoso co medio.
Financiamento:
As actuacións están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE.
