O Concello de Allariz en colaboración coa Fundación Vicente Risco lanza unha campaña de divulgación en gardamanteis para a hostalería local.

A campaña #AllarizéUnMundo pretende divulgar a figura de Vicente Risco e promover a visita a súa Fundación en Allariz así coma o coñecemento do noso municipio mediante pasatempos e a promoción da XIII edición do festival Internacional de Xardíns de Allariz coa súa temática deste ano “A volta ao mundo en 11 xardíns”.

A frase “Galicia é un mundo” de Vicente Risco troca por” Allariz é un mundo” para achegar á cidadanía as iniciativas da fundación e do festival así coma da xeografía do noso concello.

A campaña #AllarizéUnMundo consiste na edición de 20.000 gardamanteis individuais, de un só uso, coa imaxe dun mapa de Allariz e os puntos de interese tamén un pasatempo vinculado ao tema, asemade aparece no gardamanteis información e horarios da fundación Vicente Risco e desta edición do Festival Internacional de Xardíns.

O material foi presentado este luns nun acto onde Celia Porto Presidenta da Fundación Vicente Risco e María López Concelleira de Promoción económica, Turismo e comercio de Allariz destacaron a importancia deste tipo de colaboracións entre os distintos actores que operan no territorio para realizar accións que axuden a dinamizar o municipio e difundir a nosa cultura.

Esta iniciativa, pon de manifesto a importancia da colaboración público privada , os manteis poderemos atopalos xa estes días e ao longo dos próximos meses nas mesas de terrazas, bares e restaurantes de Allariz.

O obxectivo principal é aproveitar este soporte para promover a imaxe de Allariz e de dous dos seus atractivos como a Fundación Vicente Risco e o Festival Internacional de Xardíns, para que visitantes e residentes coñezan que ver e facer na zona e planifiquen a súa visita mentres se sentan á mesa para gozar dun bo almorzo, comida ou cea en calquera dos establecementos hostaleiros de Allariz

Os establecementos poden recoller os seus gardamanteis de maneira totalmente de balde ata que se rematen as existencias.