-
A campaña “Está na túa man, pecha a billa cando toca” ten como obxectivo concienciar aos veciños e anticiparse ás situacións de seca
Allariz, 27 de xullo de 2023.- O Concello de Allariz e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña Está na túa man, pecha a billa cando toca. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos naturais.
Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes sociais e páxinas web de ambas entidades.
A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para os meses de xullo e agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable.
Durante o 2022, no concello de Allariz o consumo medio mensual foi de 65.785 metros cúbicos. Esta cifra superouse durante os seis meses centrais do ano (desde maio ata outubro) e alcanzouse o pico dun maior consumo de auga en xullo, con 90.231 m3, e en agosto, 93.010 m3.
Xullo e agosto levan sendo os meses de maior consumo de auga potable nos últimos tres anos.
-
Xullo 2020
100.174 m3
Agosto 2020
100.194 m3
Xullo 2021
95.728 m3
Agosto 2021
107.839 m3
Xullo 2022
90.231 m3
Agosto 2022
93.010 m3
Pola contra, os meses de menor consumo foron novembro de 2020 (59.754 m3), febrerio de 2021 (55.696 m3) e febreiro de 2022 (53.511 m3).
Co obxectivo de facer un consumo responsable da auga, esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga, como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.